Lara Méndez perfila cos axentes sociais a programación do Tour do Talento 2023, que amosará o talento da mocidade lucense

A cidade acollerá esta iniciativa, dirixida á xuventude, do 2 ao 7 de maio, coa finalidade de impulsar e conectar o talento dos mozos e mozas e mellorar a súa empregabilidade.

“Queremos contar con todos os colectivos que traballan coa xuventude lucense, de modo que poidan formular propostas que incluiremos na axenda”, explicou a alcaldesa.

O executivo municipal e a Fundación Princesa de Girona mantiveron encontros con entidades e asociacións deportivas e culturais da cidade, así como co sector educativo.

Domingo, 05 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez perfila cos axentes sociais a programación do Tour do Talento 2023, que amosará o talento da mocidade lucense

O Goberno de Lara Méndez continúa a traballar na organización do Tour do Talento 2023 que acollerá a cidade de Lugo, do 2 ao 7 de maio, tras ser a única cidade galega seleccionada pola Fundación Princesa de Girona (FPdGi), impulsora da iniciativa, e unha das cinco onde de desenvolverá en toda España. O obxectivo é impulsar e conectar o talento dos mozos e mozas do país.

Con esta finalidade, o executivo municipal mantivo reunións cos diferentes axentes sociais do municipio para avanzar na programación do evento, que incluirá conferencias, talleres, exposicións e unha ampla oferta de contidos formativos, de desenvolvemento persoal e de ocio dirixidos, principalmente, á xuventude.

A rexedora, acompañada dos edís de Xuventude e Deportes, Mauricio Repetto, e Desenvolvemento Local e Emprego, Ana Abelleira, agradeceu a participación e colaboración das asociacións de Lugo durante as xuntanzas que mantivo esta semana con entidades e asociacións deportivas e culturais, así como co sector educativo e a Universidade.

Neste senso, a rexedora explicou que “estamos a traballar da man da Fundación na elaboración da axenda de actividades que darán forma ao Tour e, para iso, queremos contar coas aportacións e achegas de todos os colectivos e institucións que teñen vinculación cos mozos e mozas lucenses e apoian o seu desenvolvemento persoal e profesional, de modo que poidan formular propostas que incluiremos no programa oficial do evento”.

Así mesmo, Méndez incidiu na importancia que ten esta iniciativa para a cidade, “non só para visibilizar todo o noso potencial educativo e de talento senón para poñer unha vez máis a Lugo no mapa nacional xa que é un evento de gran transcendencia e notoriedade”.

Nestas sesións preparativas tamén participaron técnicos municipais e unha delegación da FPdGi, liderada por Jordi Estruga, director do Tour do Talento; e Íngrid Aznar, directora dos Premios da Fundación Princesa de Girona. Cómpre lembrar que durante a celebración do Tour en Lugo se anunciará, así mesmo, o gañador do Premio de Investigación Científica que outorga esta Fundación.

A través desta iniciativa, proporase unha axenda de eventos e talleres sobre temas de máxima actualidade centrados na mellora da empregabilidade e o desenvolvemento profesional, competencial e persoal dos mozos e mozas, en formatos disruptivos e innovadores, e fomentando a participación e o networking.

Lugo, cidade do Talento

Lugo será unha das cinco cidades anfitrioas seleccionadas pola Fundación Princesa de Girona (FPdGi) para a celebración da segunda edición do Tour do Talento. As outras catro son Zaragoza, Valladolid, Córdoba e Girona. A iniciativa contará, ademais, con propostas formativas achegadas polas empresas que compoñen o Padroado da Fundación e actividades con aliados estratéxicos de primeiro nivel, como TRIVU -que actúa como partner estratéxico- ou organizacións tales como Code.org, Unesco, Fundación Bertelsmann coa Alianza para a FP Dual, FAD ou a ONCE, entre outras.

En 2022, o Tour congregou -entre febreiro e maio- a máis de 6.500 participantes nas actividades levadas a cabo en Málaga, Guadalaxara, Logroño, Palma e Girona, centradas en temas de interese como a orientación laboral, o desenvolvemento de novas competencias, o protagonismo da tecnoloxía, a dixitalización nos traballos do futuro ou a promoción das competencias transversais e as capacidades STEAM entre as novas xeracións. Foron preto de 200 horas de contido, da man de 250 relatores -de 60 empresas- que participaron en máis de 180 actividades.

Multimedia

  • Lara Méndez perfila cos axentes sociais a programación do Tour do Talento 2023, que amosará o talento da mocidade lucense

Noticias relacionadas