O Tour do Talento arranca o martes en Lugo con exposicións, mesas redondas, visitas guiadas e obradoiros dirixidos á xuventude lucense

O evento, que promove a Fundación Princesa de Girona da man do Concello, despregará máis de 50 actividades dirixidas a potenciar o futuro profesional dos mozos e mozas.

Todas as actividades serán gratuítas e abertas ao público, algunhas con aforo limitado. A información e os horarios poden atoparse en https://tourdeltalento.org/es/evento/lugo/

Domingo, 30 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
 O Tour do Talento arranca o martes en Lugo con exposicións, mesas redondas, visitas guiadas e obradoiros dirixidos á xuventude lucense

O Tour do Talento, iniciativa impulsada pola Fundación Princesa de Girona coa colaboración do Concello de Lugo, chega esta semana á capital luguesa para impulsar e poñer en contacto o talento dos mozos e mozas da cidade. A programación, que se estenderá ao longo de seis días, dende o martes ata o vindeiro domingo, incluirá máis de 50 actividades, entre as que destacan foros, talent sessions e unha programación de lecer e actividades deportivas en diferentes espazos da cidade.

En concreto, a axenda deste martes, coa que dará comezo o Tour do Talento en Lugo, incluirá visitas guiadas, exposicións e obradoiros a cargo do CIFP As Mercedes e Escola de Arte Ramón Falcón; mesas redondas sobre emprendemento no marco da feira ‘Coñece aos teus Polígonos e as súas empresas’ e, tamén, sobre arte urbán, coa participación de diferentes artistas deste ámbito; entre outras actividades.

Despois de pasar por Zaragoza (do 20 ao 24 de febreiro), Valladolid (do 13 ao 18 de marzo) e Córdoba (do 13 ao 19 de abril), o Tour chega a Lugo cun programa enfocado a potenciar a empregabilidade, o emprendemento, os traballos do futuro, as competencias profesionais máis demandadas polas empresas, o awareness dixital, a educación, o benestar e o impacto social. 

Todas as actividades serán gratuítas e abertas ao público, algunhas con aforo limitado. Toda a información e os horarios pode atoparse na web https://tourdeltalento.org/es/evento/lugo/ onde tamén están abertas as inscricións para participar en diferentes sesións.

Actividades por localización

Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL): Visitas guiadas á exposición “Lugo, referente tecnolóxico”. A mostra repasa a evolución histórica da cidade de Lugo mediante recursos audiovisuais, maquetas interactivas e paneis informativos. De martes a venres docentes e alumnos do CIFP As Mercedes ensinarán a exposición aos diferentes visitantes.  Estas visitas terán lugar tanto en horario de mañá, de 10:00h. a 13:30h., como de tarde de, 16:00h. a 19:00h.

O Vello Cárcere: Encontro Cultural e Exposición permanente EASD Ramón Falcón. Realizaranse visitas guiadas polas instalacións, talleres, así como un ciclo de conferencias no que se abordarán temas relacionados coas novas formas de expresión cultural con tecnoloxía e redes sociais; o papel da cultura na educación e a formación dos mozos; a participación activa e a difusión cultural; a diversidade cultural e a inclusión social como medios para fomentar o diálogo intercultural e combater a discriminación.

Casa da Xuventude: Exposición de artes plásticas e visuais na que participan o IES San Xillao, o Colexio Fingoy e a Fundación Juan Soñador. Será posible visitala en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas.

Praza Horta do Seminario: Feira “Coñece aos teus Polígonos e as súas empresas”, da man da Asociación de Empresarios O Ceao-As Gándaras. Esta xornada pretende ser un nexo de unión e contacto entre as empresas, universidades, institutos, alumnos e persoas interesadas en coñecer o ecosistema empresarial e industrial de Lugo. Trala feira, terá lugar a mesa redonda de arte urbán “Transformando a cidade: Arte urbán como medio para empoderar á comunidade”, que reunirá a diferentes artistas dos sectores da danza, a música ou o grafitti.

Horarios (Martes, 2)

Praza Horta do Seminario #TalentoActivo:

De 10:00h. a 14:00h. e de 16:00h. a 19:00h: Feira “Coñece os teus polígonos e as súas empresas”.

  • 10:00h.- Inauguración oficial.
  • 10:30h.- Mesa redonda “As cidades integrando os polígonos no social, económico e ambiental”.
  • 16:00h.- Mesa redonda “O talento nas empresas dos Polígonos de O Ceao e As Gándaras”.
  • 17:00h.- Mesa redonda “Retos RSC e ODS nos Polígonos de O Ceao e As Gándaras”.
  • 18:00h.- Mesa redonda “O ecosistema laboral, novos empregos e tendencias”.

De 19:00h a 20:00h: Mesa redonda de Arte Urbán “Transformando a cidade: Arte urbán como medio para empoderar á comunidade”.

O Vello Cárcere #CreandoTalentos:

  • 10:00h – 10:30h Visita guiada á exposición permanente EASD Ramón Falcón.
  • 10:30h – 11:00h Taller de serigrafía a cargo da EASD Ramón Falcón.
  • 11:00h – 11:30h Mesa redonda “As novas formas de expresión cultural”.
  • 12:00h – 12:30h Visita guiada á exposición permanente EASD Ramón Falcón.
  • 12:30h – 13:00h Taller de serigrafía a cargo da EASD Ramón Falcón.
  • 13:00h – 13:30h Mesa redonda “O papel da cultura na educación e formación dos mozos”.

Noticias relacionadas