Lara Méndez: “As obras de San Fernando son un paso na debida colaboración institucional da Xunta, que debe dar moitos máis froitos”

A Alcaldesa e o Conselleiro de Cultura asinaron o convenio de colaboración para acometer as obras básicas do emblemático edificio da Praza do Ferrol. Dotadas con 180.000€, arrancarán en abril

“Seguiremos reivindicando o Museo da Romanización, os servizos pendentes do HULA e no barrio da Residencia, a Ronda Leste, prazas públicas de residencia, centro de día e gardería ou a estación intermodal”

Martes, 19 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “As obras de San Fernando son un paso na debida colaboración institucional da Xunta, que debe dar moitos máis froitos”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, subliñou este martes que a sinatura do convenio coa Consellería de Cultura por valor de 180.000 euros, achegados ao 50% por ambas administracións, para acometer obras básicas de mantemento do Cuartel de San Fernando “é un paso na debida colaboración institucional entre o Concello e a Xunta de Galicia, que ten que dar moitos máis froitos, pois iso redundará na mellora da calidade de vida dos cidadáns e no desenvolvemento da nosa cidade, o que en definitiva nos move a todas as administracións públicas”.

“Con ese obxectivo continuaremos traballando de forma decidida e constante dende o Goberno para materializar a implicación da Xunta nas cuestións pendentes no noso concello e que cumpra cos seus compromisos”, asegurou a rexedora. “Seguiremos reivindicando o proxecto para converter San Fernando no Museo da Romanización de Galicia, o que daría un pulo moi importante ao turismo cultural, non só en Lugo, senón en toda a comunidade, así como a dotación dos servizos pendentes no HULA, a construcción da Ronda Leste, a dotación de servizos ao barrio da Residencia, prazas públicas de residencia e centro de día para os nosos maiores, prazas públicas de gardería, a construcción da estación intermodal, a execución do Plan Paradai, a continuidade do plan de rehabilitación de vivendas na Tinería ou a posta en valor do Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo”, subliñou.

A rexedora fixo estas declaracións con motivo do acto de sinatura co Conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, do convenio para acometer as obras de rehabilitación do Cuartel de San Fernando, que tivo lugar esta tarde en Santiago de Compostela. Lara Méndez subliñou a relevancia destas actuacións básicas de conservación do emblemático edificio da Praza de Ferrol, “unha mostra do excepcional patrimonio de Lugo que se encontra nun estado moi deteriorado e que debemos poñer en valor e aproveitar como un recurso para atraer máis visitantes á nosa cidade”.

Os prazos
Lara Méndez explicou que o Concello sacará de inmediato a licitación o proxecto técnico, redactado por Evislusa, para que as obras estean adxudicadas en marzo e poidan arrancar en abril, coa mellora das condicións meteorolóxicas, algo preciso debido á natureza das actuacións. Teñen un prazo de cinco meses, polo que estarán rematadas entre setembro e outubro. O 30 de novembro acabará o prazo para presentar a documentación xustificativa.

As actuacións fundamentais incluídas no proxecto consisten en asegurar a estrutura do edificio, arranxar a cuberta eliminando as filtracións de auga tanto nesta estrutura como no propio edificio, dotación de canles baixantes e conexión á rede de saneamento, e derribo e acondicionamento dos anexos traseiros non catalogados (as caballerizas traseiras).

O edificio do Cuartel de San Fernando foi construído entre 1760 e 1779 co fin de atender aos inválidos do Exército. De dobre planta, está levantado en sillería de granito revocada de branco, excepto reforzos de vanos, esquinais e cornixas, e coa cuberta de lousa. Situábase ao lado do hoxe desaparecido edificio modernista da Eléctrica Lucense.

Audio

  • Lara Méndez, sobre a sinatura do convenio de colaboración para as obras básicas do Cuartel de San Fernando| Descargar mp3

Noticias relacionadas