Lara Méndez, na inauguración de Xenergal 2017: “O noso modelo de cidade pasa pola xestión enerxética sostible”

A Alcaldesa e o Deputado provincial de Relacións Institucionais inauguraron o IV Congreso de Xestión Enerxética de Galicia, que reúne entre hoxe e mañá na Deputación a un cento de profesionais do sector

O técnico municipal de Medio Ambiente, Miguel Negral, ofreceu tras o acto inaugural unha conferencia na que expuxo as solucións e medidas de aforro e eficiencia enerxética que está aplicando o Concello

Mércores, 08 de novembro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez, na inauguración de Xenergal 2017: “O noso modelo de cidade pasa pola xestión enerxética sostible”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, inauguraron este mércores no Salón de Actos da Deputación o IV Congreso Galego de Xestión Enerxética XENERGAL 2017, que o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais (ICOIIG) celebra entre hoxe e mañá no Pazo de San Marcos, coa colaboración do Concello e a institución provincial. No acto tamén participaron o Decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento, e o Director do Congreso, Fernando Blanco.

A rexedora subliñou que a temática do congreso “é do máis acaído, porque o modelo de cidade que impulsamos dende o Goberno pasa pola xestión enerxética sostible. No 2015, cando comezamos a gobernar, creamos unha área específica de Desenvolvemento Sostible, que resume moi ben cal é a nosa filosofía política, pero a realidade é que aplicamos as políticas de sostibilidade de maneira transversal en todas as accións municipais”.

Como exemplo, Lara Méndez apuntou a mellora constante da mobilidade, con implantacións de zonas a 30 e de preferencia de ciclistas, aparcamentos disuasorios e peonalizacións, a dotación dunha rede de biomasas nas instalacións de Frigsa ou os programa europeos que suman 22 millóns de euros: o Life, “que introduce un novo modelo productivo baseado na madeira como material de construción”; o Smart City, que aproveita as novas tecnoloxías para a eficiencia enerxética; e o EDUSI, que converterá o sector entre o río e a Muralla nun gran pulmón verde e zona de esparexemento.

A Alcaldesa indicou que as decisións en materia enerxética “non se toman en Lugo, nin en Santiago, nin sequera en Madrid, senón en Bruxelas, pero dende o ámbito municipal podemos dar respostas”. Para afondar nestas solucións e medidas que está aplicar o Concello de Lugo, o técnico municipal de Medio Ambiente, Miguel Negral, ofreceu unha conferencia tras o acto de inauguración aos participantes no encontro.

Lugo, centro de congresos

Méndez destacou que Lugo se está a consolidar “como centro de congresos”, pois “cada vez son máis os colectivos profesionais, organizacións e empresas que elixen a nosa cidade para celebrar encontros, seminarios ou conferencias”. De feito, só nesta semana acolle cinco xornadas.

A maior cita do sector enerxético en Galicia

Pola súa banda, o Deputado de Relacións Institucionais subliñou que “é un orgullo para a nosa provincia poder acoller a maior cita do sector enerxético en Galicia coa celebración deste Congreso, que versará sobre enerxías renovables, eficiencia enerxética e mantemento de edificios, iluminación, innovación e xestión transversal da enerxía. Dende o Executivo Provincial estamos comprometidos e sensibilizados nesta materia, por iso destinamos 1,5 millón de euros a travésdo Plan de Aforro enerxético ao que se adheriron 37 Concellos lucenses que lles permitiu aforrar máis dun 10% nos custos municipais; elaboramos un novo programa de aforro enerxético, chamado ILUMIN@, dirixido a todos os Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes e totalmente gratuíto para os mesmos, co que recibirán unha axuda económica para a compra e instalación de novo equipamento de baixo consumo en dotacións municipais; e investimos 750.000 euros para dotar dun novo sistema de iluminación ao Paseo do Río Rato, con 283 novos puntos de luz LED ecolóxicos nun treito de 7 quilómetros”.

Oriol Sarmiento reivindicou “o papel dos enxeñeiros industriais como profesionais de referencia da enerxía; este papel debe estar apoiado por outras profesións complementarias, e por iso este congreso exponse aberto á participación de diferentes disciplinas”.

Fernando Branco citou “a necesidade de implantar a xestión enerxética na empresa e na administración pública indicando que esta é unha disciplina que se implanta a finais do século XX pola necesidade de diminuír as emisións de Gases de Efecto Invernadoiro, así como garantir a seguridade das instalacións en funcionamento, xa que no caso de accidentes graves mesmo existe a posibilidade de consecuencias penais se se demostra que a propiedade ou o xestor enerxético non tomou as precaucións necesarias”.

No congreso participarán un centenar de profesionais de toda a Comunidade Autónoma, que presentarán uns 36 relatorios. O obxectivo deste encontro é difundir o coñecemento relacionado coa xestión da enerxía, pero ao mesmo tempo servir como plataforma de contacto entre profesionais, para o que ademais das correspondentes mesas está previsto a celebración de actos networking paralelos.

Noticias relacionadas