Lara Méndez: “Lugo está hoxe moito máis preto de conseguir o gran auditorio que os veciños e veciñas merecen”

A Alcaldesa e a Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio asinaron o convenio de colaboración por valor de 3,7M€ para dotar do imprescindible equipamento escénico ao edificio

“Non nos podiamos permitir estar máis tempo sen esta infraestrutura que nos fará crecer como cidade”, subliñou a rexedora, de aí o acordo coa Xunta, que adiantará os cartos que logo achegarán os lucenses a través da exención do IBI

Martes, 03 de outubro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez: “Lugo está hoxe moito máis preto de conseguir o gran auditorio que os veciños e veciñas merecen”

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, asinaron este martes no Salón de Plenos o convenio de colaboración entre o Concello e a Xunta por valor de 3,7 millóns de euros para dotar de equipamento ao novo auditorio. “Hoxe é un día importante, un día de satisfacción, no que podemos anunciar sen máis preámbulo que Lugo está moito máis preto de conseguir o gran auditorio que os veciños e veciñas merecen”, e, deste xeito, deixar de ser a única gran cidade galega que non dispón desta infraestrutura.

A rexedora, aludindo a palabras da propia Conselleira, lembrou que a Xunta iniciará nos vindeiros meses o proceso de licitación do “imprescindible material escénico que fai que un edificio con butacas pase a ser un grande auditorio” co fin de que entre finais do 2018 e principios do 2019 estea instalado.

Lara Méndez subliñou que “non podiamos estar máis tempo sen gozar deste auditorio”, de aí o acordo polo que a Xunta adiantará os cartos que logo achegaremos os lucenses a través da exención do IBI” durante 6 anos (a razón de 600.000 euros por ano) de cinco centro sanitarios: o HULA, a residencia das Gándaras e os centros de Curros Enríquez, Fontelo e Fontiñas. O Goberno prevé someter á aprobación da Corporación a preceptiva modificación da ordenanza fiscal número 203 (Reguladora do Imposto sobre os Bens Inmobles) no vindeiro Pleno ordinario de outubro. De feito, a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, convocou para este venres a mesa de traballo das ordenanzas municipais, na que participan todos os grupos políticos.

A implicación municipal supón un gran esforzo, tendo en conta que o Concello conta cun orzamento anual aproximado de 90 millóns de euros e mantén unha ampla rede de protección por medio dos servizos sociais, mentres que a Xunta dispón de 9.000 millóns de euros de orzamento ao ano.

“O desbloqueo dun tema que parecía imposible de solucionar ao principio do mandato” foi posible grazas á vontade que sempre expresou a Alcaldesa “de chamar a todas as portas que sexa preciso para conseguir o ben dos lucenses e as infraestruturas que sexan necesarias para o desenvolvemento da cidade” e tamén das conversas entre Concello e o Goberno galego “durante numerosas reunións, ata tres nun ano coa Conselleira”, á que Méndez agradeceu “a súa dispoñibilidade e proximidade”.

Neste senso, a Alcaldesa lembrou que a Xunta “comprometeuse hai 15 anos a dar a Lugo unha infraestrutura necesaria para o esparexemento dos seus veciños. No 2015 déronse as obras por finalizadas, aínda que seguía sen ser un verdadeiro auditorio xa que carecía dos elementos escénicos necesarios: telón, luces, cunca... que facían inviable a súa apertura”.

O novo auditorio, recalcou Lara Méndez, “permitiranos crecer como cidade, no eido cultural. Xa non teremos que viaxar a outras cidades para poder gozar dun gran espectáculo porque o teremos aquí, e incluso seremos punto de destino”. A nova infraestrutura significará deste xeito “un antes e un despois” para a cidade, engadiu a Alcaldesa.

Audio

  • Audio 01 » A edil Lara Méndez sobre o convenio de equipamento do novo auditorio | Descargar mp3
  • Audio 02 » A edil Lara Méndez sobre o convenio de equipamento do novo auditorio | Descargar mp3

Noticias relacionadas