Lara Méndez inaugurou un renovado canil das Estantigas con equipamentos novidosos para as mascotas e propietarios

A alcaldesa de Lugo explicoulle aos usuarios as numerosas melloras introducidas, nas que se investiron 48.158 euros e que se desenvolveron atendendo as súas peticións.

Destaca unha zona aillada da área de xogos con equipamento especial para o coidado e limpeza dos cans.

Para os donos dos animais instalouse un parklet, estrutura de madeira con plantas para a súa confortabilidade, mobiliario que o Concello coloca xa en máis partes da cidade.

Xoves, 22 de abril de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez inaugurou un renovado canil das Estantigas con equipamentos novidosos para as mascotas e propietarios

A alcaldesa, Lara Méndez, acompañada dos concelleiros de Medio Ambiente, Miguel Fernández, e de Sostenibilidade Urbana, Alvaro Santos, inauguraron onte á tarde-noite a renovada área de esparexemento para mascotas situada no Carril das Estantigas, entre as rúas Montevideo e Rúa Nova e a Muralla, melloras nas que o Concello de Lugo destinou 48.158 euros.

A rexedora, lembrou que “esta área, construída no ano 2008, precisaba dunha renovación que fixemos atendendo as demandas dos propietarios das mascotas, cos que mantivemos varias reunións co fin de mellorar as mesmas para facelas máis cómodas, confortables e seguras e garantindo, tamén, o benestar animal”.

Lara Méndez acompañou aos usuarios na reapertura, cos que comentou as novidades, e aos que felicitou pola comunidade de propietarios e animais que se creou nesta canil, “onde non só se goza das mascotas senón que se converteu nun espazo de socialización moi necesario”.

Entras as actuación executadas, elimináronse os labirintos de setos que impedían a total visibilidade do canil e que non contaban con pavimento adecuado para os cans, e substituíronse os bancos existentes por outros cubertos na súa parte inferior para evitar que os animais resulten feridos ao meterse nos baixos dos mesmos. Os bancos colocáronse nas zonas perimetrais para que non interfiran nas áreas de xogo. Ademais, ampliouse a superficie de jabre, pavimento brando de tipo árido, e conserváronse espazos verde na na zona oeste, máis sombría.

Para os propietarios das mascotas, instalouse un parklet, unha estrutura de madeira con plantas para a súa confortabilidade, estruturas de novo mobiliario urbano que o executivo de Lara Méndez comeza a colocar xa en máis partes da cidade, como na rúa do Esquecemento.

Outra das novidades foi a construción dun recinto previo á actual entrada, onde se colocu novidoso equipamento para o coidado das mascotas xa que se habilitou mobiliario para o lavado e cepillado caninos, con lavadoiros.

O concello mellorou tamén a seguridade, mediante a instalación de dobre porta, con peche seguro automático con pestillo e resorte hidráulico.

Lara Méndez subliñou que “o Concello continúa así a sumar de espazos de lecer para veciños con mascotas”.  A cidade de Lugo conta con catro áreas, a máis recente, inaugurada hai un ano e 4 meses, entre as rúas Serra de Ancares e Río Eo, cun investimento de 50.000 euros, dentro das actuacións previstas no Plan de Barrios. Os outros dous caniles da cidade atópanse no parque da Milagrosa e na Acea de Olga, no entorno da Carballeira.

Multimedia

  • Lara Méndez inaugurou un renovado canil das Estantigas con equipamentos novidosos para as mascotas e propietarios
  • Lara Méndez inaugurou un renovado canil das Estantigas con equipamentos novidosos para as mascotas e propietarios

Noticias relacionadas