Lara Méndez destacou na entrega dos Premios Princesa de Girona o enorme talento da mocidade lucense

A rexedora asistiu á cerimonia -colofón do Tour do Talento, que celebrou en Lugo unha das súas paradas-, presidida polos Reis, a Princesa de Asturias e a Infanta Sofía.

Méndez lembrou que “preto de 7.000 mozos e mozas participaron nas máis de 50 actividades que programamos  ao longo da semana do Tour do Talento en Lugo”.

Con esta iniciativa buscouse potenciar a mellora da empregabilidade, os traballos do futuro, as competencias profesionais máis demandadas, ou o awareness dixital.

Mércores, 05 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez destacou na entrega dos Premios Princesa de Girona o enorme talento da mocidade lucense

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompaña dos edís de Dinamización Económica e Cohesión Social, Mauricio Repetto e Ana Abelleira, participou este mércores na cerimonia de entrega dos Premios Princesa de Girona, que se celebrou no Hotel Camiral de Caldes de Malavella (Girona) e que estivo presidida polas SS.MM. os Reis, coa presenza das SS.AA.RR. a Princesa de Asturias e de Girona e a Infanta Sofía.

Este evento serviu de colofón ao Tour do Talento, unha iniciativa posta en marcha pola FPdGi, co obxectivo de conectar e promover o talento dos mozos e mozas do país e que celebrou unha das súas paradas en Lugo, do 2 ao 7 de maio. O municipio lugués foi unha das cinco cidades escollidas para participar no Tour –a única de Galicia–, xunto con Zaragoza, Valladolid, Córdoba e a propia Girona.

“Preto de 7.000 mozos e mozas participaron nas máis de 50 actividades que programamos dende o Concello e a Fundación ao longo da semana do Tour do Talento en Lugo, o que supuxo un éxito rotundo en canto a asistencia e unha demostración do enorme potencial xoven que ten a nosa cidade, superando a participación rexistrada noutras cidades con maior poboación como Zaragoza (5.500 participantes) e aproximándose á rexistrada en Valladolid (8.500 persoas)”, lembrou a rexedora.

 Durante seis días, celebráronse máis de 50 actividades centradas en potenciar a mellora da empregabilidade, os traballos do futuro, as competencias profesionais máis demandadas polas empresas, o awareness dixital e a educación. Pero, sobre todo e de maneira transversal, o Tour de Lugo puxo en valor unha programación de lecer e deporte para o benestar emocional, a saúde mental e o desenvolvemento profesional e persoal dos mozos e mozas.

Premios Princesa de Girona 2023

 Os galardóns recoñecen este ano á violinista María Donas; ao enxeñeiro e CEO fundador de Open Cosmos, Rafael Jordá; ao Doutor en Biomedicina e profesor en Yale, Marc Schneeberger Pané; á arte terapeuta e fundadora da Fundación Arte Paliativo, Silvia Fernández Cadevall e á CEO e cofundadora da rede de coidado infantil Kidogo, Sabrina Habib. Cinco novos talentos que, desde diferentes ámbitos, traballan para resolver algúns dos grandes retos actuais como o cambio climático, o benestar emocional, a prevención da obesidade, a necesidade de promover a música como linguaxe universal ou o fomento da igualdade de oportunidades.

O talento novo ante os grandes retos globais foi o fío condutor da cerimonia de entrega dos Premios, conducida pola fundadora de Change Dyslexia, Luz Rello, e o director da Fundación Mar de Niebla, Héctor Colunga, premiados na categoría social en 2016 e 2015, respectivamente.

Os Premios Princesa de Xirona chegan este ano á súa 14 ª edición. Uns galardóns que promoven desde 2010 a investigación, a creatividade artística, a innovación, a solidariedade e o talento emprendedor de mozos de ata 35 anos que, co seu traballo, esforzo e dedicación queren mellorar o mundo desde diferentes ámbitos.

Multimedia

  • Lara Méndez destacou na entrega dos Premios Princesa de Girona o enorme talento da mocidade lucense
  • Lara Méndez destacou na entrega dos Premios Princesa de Girona o enorme talento da mocidade lucense

Noticias relacionadas