Lara Méndez avanza na erradicación do fibrocemento coa próxima renovación das canalizacións de 10 rúas do Grupo La Paz

A área de Medio Ambiente destinará este ano 555.689 euros a este proxecto co que se pretende substituír a rede de abastecemento e modernizar o saneamento da zona.

A actuación, que inclúe tamén a reposición do pavimento das beirarrúas, se executará nunha decena de vías desta urbanización e afectará a 187 acometidas, 62 delas pluviais.

A Xunta de Goberno autorizou hoxe a apertura do procedemento de contratación que terá un prazo de execución de medio ano.

“Trátase de mellorar a calidade dos servizos públicos, de facelo apostando por infraestruturas máis sostibles e eficientes, optimizando a prestación”, sinalou a rexedora.

A intervención súmase ás xa realizadas ou en curso noutros puntos da capital, nas que o Executivo local investiu 1’2 millóns de euros.

Mércores, 24 de novembro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez avanza na erradicación do fibrocemento coa próxima renovación das canalizacións de 10 rúas do Grupo La Paz

O Executivo de Lara Méndez continúa avanzando na eliminación das canalizacións da traída municipal que conteñen fibrocemento.

Esta mañá, a rexedora, acompañada polo tenente de alcaldesa e edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, visitaba o Grupo La Paz que, proximamente, contará cunha rede de abastecemento e saneamento renovada logo de que a Xunta de Goberno autorizase hoxe o inicio do procedemento de contratación destes traballos.

“Trátase de mellorar os servizos públicos, de facelo apostando por infraestruturas máis eficientes e de incrementar a calidade da prestación que xa se dá”, afirmou Lara Méndez.

“De maneira que, coa eliminación do fibrocemento acadaremos varios propósitos: ter unha rede de abastecemento máis sostible, en consonancia coa transformación que estamos levando a cabo na cidade, e tamén máis resistente fronte aos cambios de presión, de temperatura e fronte ás vibracións que se producen sobre a calzada, diminuíndo o número de incidencias e aumentando a durabilidade das dotacións”.

A alcaldesa anunciou que, en total, se actuará sobre 187 acometidas, 62 delas pluviais, concentrando, fundamentalmente, os esforzos en dez rúas: Camelia, Acibro, Alecrín, Estrelamar, Padre Sarmiento, Santo Domingo de la Calzada, Carpaza, Ligustro, Pardo de Cela e Estralote.

“Esta obra ten por obxecto poñerlle fin a aquelas avarías que teñen a súa orixe, principal e precisamente, en seren as conducións de fibrocemento, xa que esta substancia é moito máis sensible aos contrastes climatolóxicos e presenta, á súa vez, unha maior predisposición ás roturas e menor tolerancia ás variacións de fluxo da traída. Polo que, con esta actuación queremos eliminar esta casuística e rematar, alén, cos trastornos que lle ocasiona á veciñanza”, sinalou a rexedora.

Méndez lembrou, asemade, que a obra pasará a engadirse ás xa realizadas, ao respecto, ou que se atopan en curso noutros puntos da capital como é o caso das rúas Bataneira e Figueira, en Aviación Española, Armórica, Escultor Asorei, Rei don García, na marxe dereita da avenida Marqués de Ombreiro e en boa parte do barrio da Cheda que inclúe as rúas Río Landro, Eume, Pousadela, Masma, Sar, Pambre e Azúmara, o que “dá conta da vontade de continuidade que ten para o Goberno local este plan municipal”.

Pola súa banda, o edil de Medio Ambiente detallou que “a substitución das tubaxes actuais se fará por outras de función dúctil ao tempo que tamén se levará a cabo a renovación dos colectores de saneamento que verten á rúa Armórica e á Rolda de Fingoi que, pola súa antigüidade e polos materiais cos que foron construídos (formigón), presentan deficiencias no seu funcionamento. Ademais, previamente á posta en marcha das novas canalizacións, realizaráselles un lavado e desinfección para que poidan operar en condicións óptimas”, apuntou Miguel Fernández.

“A nosa prioridade non é outra que a de optimizar o servizo e poder ofrecelo nas mellores condicións posibles ás e aos usuarios”, concluíu o responsable de área.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a rede de abastecemento  do Grupo La Paz | Descargar mp3

Multimedia

  • Lara Méndez avanza na erradicación do fibrocemento coa próxima renovación das canalizacións de 10 rúas do Grupo La Paz
  • Lara Méndez avanza na erradicación do fibrocemento coa próxima renovación das canalizacións de 10 rúas do Grupo La Paz
  • Lara Méndez avanza na erradicación do fibrocemento coa próxima renovación das canalizacións de 10 rúas do Grupo La Paz

Noticias relacionadas