Lara Méndez anuncia a mellora enerxética de oito edificios municipais, que suporá un investimento de 3,3 millóns de euros

Executaranse cunha subvención de 2,6 millóns do IDAE, e o Concello, que aportará 614.950 euros, amortizará o financiamento municipal en pouco máis de dous anos

A alcaldesa de Lugo sostén que estas obras son un gran avance “na nosa aposta polas enerxías renovables e unha economía baixa en carbono cara un modelo de cidade sostible e verde”

Actuarase no centro social de Fingoi, a EDAR e a ETAP, o edificio administrativo do Seminario, o edificio de Vías e Obras, as piscinas de Frigsa e As Pedreiras e a Casa do Deporte

As actuacións suporán aforros enerxéticos de entre un 18 e un 42% e a redución de emisións de CO2 á atmosfera, que nalgúns caso será do 710,64

Venres, 16 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anuncia a mellora enerxética de oito edificios municipais, que suporá un investimento de 3,3 millóns de euros

O executivo de Lara Méndez executará proxectos de mellora da eficiencia enerxética en oito instalacións públicas municipais, o que suporá un investimento de 3.304.436 millóns de euros, dos que 2.689.486 millóns de euros proceden das subvencións que se acadaron do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía. Así explicouno hoxe a alcaldesa, acompañada do edil responsable da Desenvolvemento Local Sostible, Álvaro Santos.

“Damos así un gran paso, nas propias dependencias, na nosa aposta polas enerxías renovables e na transformación de Lugo como unha cidade máis sostible e verde, que se sitúe a vangarda. Impulsamos desta maneira unha economía baixa en carbono, é dicir, menos contaminante, como parte da nosa estratexia na loita contra o cambio climático”, explicou.

A aportación municipal nestas obras ascende a 614.950 euros, o 20% do total. “As obras permitiránnos levar a cabo actuacións cos que acadar aforros de consumo enerxético que oscilan entre o 10% o máis baixo ata o 52% o máis alto, pero tamén reduciremos a factura do gasto enerxético en 300.000 euros ao ano, o que significará que en dous anos amortizaremos a aportación económica que o Concello desenvolve nestas melloras”, comentou a alcaldesa.

Lara Méndez destacou tamén, “a importante redución de emisións de CO2 que acadaremos, principal causante do quecemento da atmosfera polo efecto invernadoiro, reducións que nalgúns dos casos alcanza o 74,5 %”.

No caso dos edificios onde poñeremos paneis fotovoltaicos, se se produce máis enerxía da que se necesite, poderase inxectar a excedentaria nas redes xerais de transporte e distribución.

As instalacións nas que se vai actuar son: o centro social de Fingoi, a EDAR e a ETAP, o edificio administrativo do Seminario, o edificio de Vías e Obras de Frigsa, as piscinas de Frigsa e As Pedreiras, e a Casa do Deporte.

En seis dos edificios, instalaranse nas cubertas paneis fotovoltaicos para autoconsumo eléctrico, no que se investirán dous millóns de euros.

1.- Edificio de Vías e Obras, en Frigsa. Instalaranse 255 paneis, que tamén darán servizo as pistas destinadas a educación viaria infantil, en Frigsa.  A inversión neste caso é de 400.898 euros, e a subvención ascende a  319.657 €

  • Investimento: 400.898 euros (319.657 euros de subvención)
  • Redución do consumo enerxético anual nun 52,03%
  • Aforro anual do gasto eléctrico: 13.110 euros
  • Caída de emisións de tCO2 nun 60,96

2.- Piscina climatizada municipal de Frigsa. Colocarase 300 paneis

  • Investimento: 468.704 euros ( 374.963 euros de subvención)
  • Redución do consumo enerxético anual nun 19,6%
  • Aforro anual do gasto eléctrico: 16.392 euros
  • Caída de emisións de tCO2 nun 74,50

3.- Polideportivo municipal Casa do Deporte, en Frigsa. Instalaranse 300 módulos

  • Investimento: 449.704 euros ( 359.297 euros de subvención)
  • Redución do consumo enerxético anual nun 26,7%
  • Aforro anual do gasto eléctrico: 16.661 euros
  • Caída de emisións de tCO2 nun 74,50

4.- Edificio administrativo do Seminario (Ronda Muralla), onde se instalarán 90 paneis

  • Investimento: 140.691 euros ( 112.705 euros.de subvención)
  • Redución do consumo enerxético anual nun 10,01%
  • Aforro anual do gasto eléctrico: 4.972 euros
  • Caída de emisións de tCO2 nun 22,5

5.- Policía Local. Instalaremos 112 paneis

  • Investimento: 175.498 euros ( 140.398 euros.de subvención)
  • Redución do consumo enerxético anual nun 18,98%
  • Aforro anual do gasto eléctrico: 5.401 euros
  • Caída de emisións de tCO2 nun 27,09

6.- Piscina climatizada As Pedreiras. Disporanse 265 paneis

  • Investimento: 411.794 euros (329.963 euros.de subvención)
  • Redución do consumo enerxético anual nun 35,26%
  • Aforro anual do gasto eléctrico: 14.032 euros
  • Caída de emisións de tCO2 nun 64,09

Ademais, desenvolveremos dous proxectos máis.

7.- Mellora da eficiencia enerxética das instalacións da estación depuradora de aguas residuais (EDAR) e da estación de tratamento de auga potable (ETAP)

  • Na EDAR, a actuación buscará unha optimización enerxética sen hipotecar o seu rendemento, substituíndo os 5  turbosoplantes de aireación de biolóxico existentes, por unhas novas unidades máis eficientes  enerxéticamente e axustadas ás necesidades reais de caudal de aire. Así mesmo, contémplase a instalación de 3 variadores de frecuencia para o grupo de presión de auga industrial da planta
  • Na Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) levarase a cabo a instalación de  variadores de velocidade para as bombas de lavado de  filtros, de auga bruta, de auga tratada, de compresores de aire de servizo e de auga rexenerada

O investimento total ascenderá a 1.022.542 (dos que 818.034 son da subvención).

Se na EDAR, o consumo enerxético anual reducirase un 42,09%, na ETAP este será dun 19,49%. Na EDAR a factura enerxética para o Concello suporá unha redución de 103.639 euros, e na ETAP de 112.544 euros. En canto á redución de emisións, na ETAP será de 710,64 tCO2 e de 614,78 tCO2 na EDAR.

8.- Rehabilitación do centro social de Fingoi, co obxectivo de alcanzar unha temperatura de confort na maioría das dependencias. O proxecto terá un custo de 293.743 euros, dos que 234.994 son da subvención

  • O edificio, de uso público, ten 1.479 m2 de superficie construída, e proponse o illamento térmico da fachada así como dos falsos teitos, ademais de substituír toda a carpintería das xanelas. Se o consumo enerxético anual reducirase un 43,09%, o aforro do custe ascenderá a 13.231 euros
  • O concelleiro Álvaro Santos apuntou que, ademais destes 8 proxectos, presentáronse outros dous máis ao IDAE para obter subvencións, “para os que aínda estamos á espera das resolucións”. Son a mellora do centro social da Milagrosa e a rede de calor con biomasa na zona de Pedreiras para dar servizo ás instalacións da piscina municipal e que tamén podería atender a varias das edificacións do Campus Sur.

Lugo, pioneira no uso de biomasa

O edil lembrou que “este último proxecto é especialmente ambicioso, pero para Lugo non sería novidosa a actuación xa que este concello foi pioneiro en Galicia no mandato pasado na posta en marcha dunha rede de biomasa, que é a de Frigsa”.  A rede conseguiu reducir á metade o gasto en combustible nos edificios aos que dá servizo. Neste senso, xa foi posta en valor durante a COP25 como exemplo de sostibilidade e valores medioambientais impulsados dende as administracións locais de España.

Trátase dun sistema innovador, de alto nivel técnico que, se comproba, resultou excelente en termos de sostibilidade. Así, a suma do consumo en combustible e do mantemento preventivo e correctivo de todos os edificios do complexo ascendía o ano anterior á súa posta en marcha a 144.496 euros. E a substitución dos antigos xeradores de calor pola instalación de biomasa traduciuse en 2019 nun aforro aproximado para as arcas municipais de 70.000 euros, case a metade do que se gastaba, evitando ademais a contaminación de 493 toneladas de CO2 á atmosfera.

Os inmobles aos que se dotou deste subministro son as piscinas, a Casa das Asociacións, Casa Clara Campoamor, pavillón Luis Gorgoso, Club de Tenis, MIHL, auditorio Gustavo Freire e Biblioteca, que ata o de agora se nutrían de gas, gasóleo e electricidade.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre as axudas do IDAE | Descargar mp3
  • O edil de Desenvolvemento Local Sostible, Álvaro Santos, sobre as axudas do IDAE | Descargar mp3

Noticias relacionadas