Lara Méndez anima á cidadanía a participar nos actos do Día de Europa para reivindicar “un proxecto solidario e de colaboración”

O Concello de Lugo celebra a efeméride este luns, 9 de maio, de 17:30 a 20:00 horas, con actuacións musicais e de danza, obradoiros infantís e un circuíto de vehículos eléctricos.

As actividades, que se desenvolverán na Praza Maior, incluirán un acto institucional no que se procederá á lectura dun manifesto e ao izado da bandeira europea.

Domingo, 08 de maio de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Lara Méndez anima á cidadanía a participar nos actos do Día de Europa para reivindicar “un proxecto solidario e de colaboración”

O Concello de Lugo celebra este luns, na Praza Maior, o Día de Europa, unha efeméride que cada 9 de maio conmemora o aniversario da histórica Declaración de Shuman, asinada en 1950. Farao cunha ampla programación de actividades para todos os públicos, organizadas polo centro de información europea da entidade local, Europe Direct Lugo, en horario de 17:30 a 20:00 horas.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, convida á cidadanía a participar nesta efeméride, “que ten como obxectivo reivindicar un proxecto de colaboración e solidariedade entre países, que debemos reforzar para afondar na dimensión democrática e de igualdade, máis aínda cando temos a ameaza de recorte e de involucións de dereitos cos movementos de extrema dereita”.  Ante isto, sostén a rexedora, “a resposta unánime das e dos demócratas a nivel europeo debe ser incontestable”.

Durante o evento, Lara Méndez procederá á lectura dun manifesto en nome do Concello de Lugo, logo do cal se escoitará o himno europeo (Novena Sinfonía de Beethoven) e tamén se procederá ao izado da bandeira, como símbolo de achegamento e irmandamento de todos os pobos da Unión Europea. O acto institucional terá lugar diante da Casa Consistorial.

Ao longo da tarde, celebraranse un amplo abano de actividades nas que se incluirán sesións de música e baile en directo, obradoiros para os nenos e nenas, así como un circuíto de bicicletas e patinetes eléctricos instalado na propia praza e sorteo de agasallos.

Oficina municipal de Europa Direct

Esta acción desenvólvese a través da oficina municipal de Europa DIrect. Lugo é o único concello de Galicia que acadou ser sede deste centro, onde se informa e involucra á cidadanía nos asuntos europeos.

Programación da xornada

Desde as 17:30 h:

  • DJ Marcos Peón.
  • Talleres infantís “Europa somos todos”.
  • Circuíto de vehículos eléctricos (ELucusBike).
  • Mesa informativa sobre o Día de Europa.
  • Mesa informativa sobre os programas DUSI E LIFE.
  • Ruleta da fortuna e sorteo de agasallos.

18:30  h: Acto institucional

  • Lectura de manifesto a cargo da alcaldesa de Lugo, Lara Méndez.
  • Izado da bandeira da Unión Europea coa colaboración de Star Dance.

Noticias relacionadas