Expertos de 6 países celebran a primera reunión do proxecto Interreg GIFT, centrado nas infraestruturas verdes, no edificio Impulso Verde

O proxecto europeo Green Infrastructure for Forest and Trees elixiu Lugo como sede para o seu 1º encontro polo interese das actuacións executadas no marco do Lugo+Biodinámico.

Os participantes coñeceron ‘in situ’ o novo inmoble da Garaballa, semente do primeiro barrio multiecolóxico do municipio, e tamén visitaron o bosque urbano das Gándaras.

O proxecto está liderado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET) e ten como socios a 10 entidades de seis nacións: Paises Baixos, Bélxica, Suecia, Eslovenia, Italia e Letonia.

“Que Lugo e, nomeadamente, o Impulso Verde sexa a sede desta reunión denota a importancia que ten este edificio para a cidade”, destacou Lara Méndez.

Xoves, 08 de xuño de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Expertos de 6 países celebran a primera reunión do proxecto Interreg GIFT, centrado nas infraestruturas verdes, no edificio Impulso Verde

O edificio municipal Impulso Verde, promovido polo Concello na Garaballa, acolleu este xoves a primeira reunión do proxecto Interreg Europe Green Infrastructure for Forest and Trees (GIFT), centrado na planificación de infraestruturas verdes, especialmente de bosques e árbores como un elemento estructurante nas distintas políticas sectoriais, e a conservación da biodiversidade.

Este proxecto, liderado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, ten como socios a 10 entidades de seis países, ademais de España: Paises Baixos, Bélxica, Suecia, Eslovenia, Italia e Letonia.

“Que este tipo de reunións, que atraen a expertos internacionais se celebren en Lugo reflicte a importancia do Impulso Verde para a cidade polo seu caracter de vangarda e pioneiro, xa que o Concello de Lugo é a única administración en España que constrúe edificios en madeira, que se caracterizan pola súa sustentabilidade e respecto ao medioambiente, así como pola súa eficiencia enerxética”, destacou Lara Méndez, quen valorou que “tamén a Xunta de Galicia pon o foco no inmoble como proxecto pioneiro na comunidade”.

Durante o encontro os participantes coñeceron de primeira man as instalacións e o proceso construtivo do edificio Impulso Verde, semente do primeiro barrio multiecolóxico de Lugo, que tamén foi exposto durante a reunión. O obxectivo da mesma foi compartir boas prácticas das que os socios poidan aprender para aplicar nas súas rexións. A elección de Lugo como sede para o seu primeiro encontro responde, precisamente, ao interese xerado polas actuacións executadas no marco do proxecto LIFE Lugo+Biodinámico.

Así, a maiores de coñecer e visitar o Impulso Verde, os participantes desprazáronse ata o bosque urbano das Gándaras para coñecer ‘in situ’ algunhas das actuacións de reforestación e creación de infraestruturas verdes nas que está a traballar o Concello, da man da Universidade de Santiago de Compostela, a través do Campus Terra, e a Universidade Politécnica de Madrid, e co apoio da Deputación de Lugo.

Interreg GIFT

Este proxecto europeo está orientado á aprendizaxe conxunta entre os diferentes socios cun dobre obxectivo; por unha banda a mellora da implantación das infraestruturas verdes (biodiversidade, servizos ecosistémicos, cambio climático...) nas súas respectivas rexións; e, por outro, á mellora dunha política pública de cada rexión en concreto. No caso de Galicia a política pública a mellorar é a xestión da paisaxe.

Este xoves celebrouse a reunión de inicio do proxecto en Galicia, concretamente en Lugo, e o seguinte paso será a celebración de revisións por pares –reunións dun grupo reducido de socios– nas que se analizará e aconsellará ao socio anfitrión en relación aos seus retos de futuro e actuacións a deseñar no ámbito da biodiversidade e a loita contra o cambio climático.

Noticias relacionadas