Desenvolvemento Local convoca axudas para que o tecido asociativo promova proxectos que dinamicen a economía de Lugo

A Xunta de Goberno aprobará esta semana as bases das subvencións, creadas para paliar as consecuencias da pandemia, e coas que se pretende que as entidades sen ánimo de lucro contribúan a xerar emprego.

A tenente de alcaldesa, Ana González Abelleira, mantivo un encontro co sector produtivo da cidade para presentarlle esta e outras iniciativas impulsadas dende a súa área.

Luns, 05 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Desenvolvemento Local convoca axudas para que o tecido asociativo promova proxectos que dinamicen a economía de Lugo

O executivo de Lara Méndez, a través da Área de Desenvolvemento Local e Emprego, que dirixe a tenente de alcaldesa Ana González Abelleira, convocará 57.500 euros en axudas para promover que o tecido asociativo da cidade leve a cabo proxectos que dinamicen a economía lucense.

Trátase da segunda edición do plan plurianual no que se enmarcan estas subvencións, habilitadas en 2020 como revulsivo ás consecuencias sociais nas que comezaba a derivar a pandemia e coas que, dende o Concello, se pretende seguir ofrecendo apoio a todas aquelas iniciativas locais coas que se acade a xeración de emprego.

A edil explicou que, o vindeiro mércores, a Xunta de Goberno aprobará as bases do procedemento que, neste exercicio, incorporan como novidade que os criterios de valoración puntúan a inclusión de actividades de fomento da igualdade entre homes e mulleres para combater a discriminación feminina, que na composición da directiva exista un número de mulleres superior ao 50% e que a actuación vaia dirixida a colectivos con maiores dificultades de inserción laboral.

Toda vez que o seu anuncio se publique no Boletín Oficial da Provincia, poderán acollerse a estas achegas – que terán unha contía máxima de 2.500 € coa que se pode cubrir até o 90% da acción - as entidades sen animo de lucro que, tendo a súa sede e domicilio social en Lugo, teñan recoñecidos nos seus fins estatutarios a realización de actividades de fomento, promoción económica, comercio e formación empresarial que persigan a mellora e recuperación do municipio e a creación de emprego, autoemprego ou de novas empresas.

A concelleira de Desenvolvento Local e Emprego aproveitou o encontro mantido con representantes dos sector hostaleiro e comercial da cidade para dar conta desta e doutras iniciativas que a súa área impulsará nas vindeiras semanas ao abeiro da marca “LugoéCapital”.

González Abelleira avanzoulles, tamén, a posta en marcha do obradoiro Start IOT 5.0, no que 16 menores de 30 anos, ao mesmo tempo que perciben un salario, terán oportunidade de adquirir coñecementos sobre o desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos e aplicacións con tecnoloxía web.

“As competencias que adquiran terán proxección sobre outras actuacións que xa temos programadas e que reverterán directamente na modernización comercial dos establecementos e tamén na mellora da súa competitividade e no incremento das vendas”, asegurou a tenente de alcaldesa que cualificou a xuntanza de “moi positiva, en tanto resulta unha canle idónea para manter unha colaboración e diálogo permanente entre o sector público e o privado, co obxectivo de camiñar xuntos na mesma dirección: a da recuperación de Lugo, que redundará no interese xeral”, concluíu a responsable de Desenvolvemento Local.

Multimedia

  • Desenvolvemento Local convoca axudas para que o tecido asociativo promova proxectos que dinamicen a economía de Lugo

Noticias relacionadas