Culmina o procedemento para a aprobación da totalidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo

A Xunta de Goberno Local validou hoxe o proxecto de revisión, incorporando a documentación coa que se subsanan os condicionantes sinalados pola Consellería de Medio Ambiente para autorizar o 5% pendente do planeamento.

A súa entrada en vigor rematará coa incerteza urbanística en 70 núcleos do rural e permitirá o desenvolvemento de case un millón de m2 de chan urbanizable cunha capacidade de uso residencial para 7.750 vivendas, das que o 35% serán públicas.

Lara Méndez: “É un fito para o crecemento racional e sustentable do municipio, que suporá un impulso para o aproveitamento do territorio e a súa expansión industrial”.

Mércores, 12 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Culmina o procedemento para a aprobación da totalidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo

A aprobación definitiva e completa do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo terá lugar este mes de abril.

A Xunta de Goberno local daba o visto bo esta mañá ao proxecto de revisión do PXOM, incorporando xa a documentación xustificativa do cumprimento dos condicionantes aos que a Consellería de Medio Ambiente supeditaba a súa valoración favorable ao texto.

Dáse, por tanto, cumprimento ás especificacións do informe autonómico emitido o pasado mes de setembro, finalizando así a ordenación urbanística da totalidade do ámbito territorial de Lugo que non fora obxecto de aprobación en 2011 e para cuxa entrada en vigor só resta a validación no Pleno deste mesmo mes e a posterior publicación e remisión á Xunta para a súa inscrición no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

“É, sen ningún tipo de dúbidas, un fito para o crecemento racional e sustentable do municipio, que permitirá o desenvolvemento de todo ese chan que arrastraba máis dunha década de incertezas administrativas, freando o aproveitamento do territorio, dunha forma moi significativa no ámbito rural, pero tamén coartando a súa expansión industrial”, sinalou a alcaldesa Lara Méndez.

A rexedora lembrou que as zonas afectadas pola parte aínda inconclusa do Plan ascendían a un total de 70 núcleos rurais das parroquias (21) de Teixeiro, Mazoi, Santa María de Muxa, San Salvador de Muxa, San Pedro de Muxa, Tirimol, Ombreiro, Vilachá de Mera, Adai, Pedreda, Santa María de Bóveda, Alta, Alto, Piúgos, Esperante, San André de Castro, Coeo, Coeses, Lamas, Mera e Piñeiro.

“Esta aprobación permitirá, só no rural, o desenvolvemento de 915.000 m2 de solo urbanizable delimitado e doutros 985.000 m2 de chan urbanizable delimitado periurbano cunha capacidade de uso residencial para 7.750 vivendas, das que un 35% serán públicas. Posibilitando, alén, a transformación de 1.364.000 m2 máis de solo urbanizable industrial para a implantación de actividades económicas. Será, por tanto, un revulsivo para o tecido produtivo local que reactivará os sectores vinculados á construción pero que tamén permitirá a moitas empresas asentarse e ampliar as súas instalacións e a moitas familias atopar postos de traballo e un lugar axeitado para establecerse”, incidiu Méndez.

A alcaldesa referiu, así mesmo, que a aprobación do 5% do PXOM permitirá a creación de sistemas xerais e dotacións locais que se materializarán en servizos a disposición da comunidade a razón de:

  • 412.455 m2 de zonas para equipamentos e dotacións.
  • 933.268 m2 de espazos verdes e libres.
  • 77.753 m2 de viarios para a interconexión do territorio.

“Falamos de estradas que mellorarán a conectividade e os desprazamentos polo municipio, de xardíns, parques e novos puntos de encontro para o ocio e a práctica deportiva, a socialización e o lecer. Infraestruturas que contribuirán a estender as prestación públicas a todos os puntos da localidade, mellorando así a calidade de vida da veciñanza e favorecendo o asentamento poboacional e a creación de novas zonas industriais e de equipamentos”, sostivo a alcaldesa lucense.

Máis dunha década de tramitacións na que o Concello de Lugo tratou de respostar aos requirimentos doutras administracións dende o rigor e de maneira minuciosa.

Foi no ano 2011 cando a Consellería de Medio Ambiente estableceu consideracións para 70 núcleos dos 300 dos que se compón o municipio e para 17 urbanizables das 65 que contemplaba o Plan.

Ante isto, o Concello presentou nova documentación que foi aprobada en Pleno en 2012 pero que, de novo, a Consellería de Medio Ambiente volveu paralizar cun informe da Confederación Hidrográfica Miño – Sil que solicitou, até en dúas ocasión, estudos Hidrolóxicos – Hidráulicos dos ámbitos en suspenso.

Non sería até 2019 cando a Institución local obtivo o visto bo definitivo por parte do organismo da Cunca e, a partir de ese momento, o equipo redactor estivo a traballar para adaptalo ao PXOM. Unha documentación que foi informada polos Servizos Municipais e aprobada en Pleno en xullo de 2020 e que, logo de ser avaliada pola Consellería de Medio Ambiente, foi preciso subsanar en determinados aspectos, xa resoltos.

Noticias relacionadas