Constituída a mesa institucional do Programa CaixaProInfancia para loitar contra a pobreza infantil

Ana González Abelleira participou nesta xuntanza, na que tamén se acordou a configuración da mesa técnica para o desenvolvemento deste programa que coordina a Fundación Juan Soñador

Martes, 11 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Constituída a mesa institucional do Programa CaixaProInfancia para loitar contra a pobreza infantil

A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira, participou este martes no Salón de Comisións na xuntanza constitutiva da mesa institucional do Programa CaixaProInfancia. Nesta reunión tamén participaron o delegado territorial da Consellería de Política Social, Alberto Linares, e o representante do departamento de loita contra a pobreza da Fundación La Caixa, Carlos Fernández, entre outros representantes das entidades que colaboran neste programa.

A mesa institucional quedou constituída e conformada por representantes das diferentes entidades participantes. Tamén se acordou a configuración da mesa técnica para o desenvolvemento deste programa, que conta con representación de Concello, Xunta, Fundación Juan Soñador, Universidade de Santiago e coa colaboración das entidades Meniños e Secretariado Xitano. A entidade coordinadora deste plan é a Fundación Juan Soñador.

CaixaProinfancia é un plan conxunto entre Obra Social La Caixa, a Consellería de Política Social e o Concello de Lugo co obxectivo de loitar contra a pobreza infantil.  Este programa de atención á infancia en situación de pobreza e exclusión, que está dirixido a familias con menores de entre 0 e 18 anos en situación de vulnerabilidade, beneficiará a 50 familias lucenses e a entre 75 e 80 nenos e nenas da cidade, fundamentalmente das zonas de Lamas de Prado e A Milagrosa.

Identificar as necesidades
A través deste programa, as entidades participantes identificarán e analizarán conxuntamente a distribución territorial das situacións de vulnerabilidade social e de risco de exclusión que afectan a un número considerable de menores e familias do municipio. Situacións que requiren, máis alá da atención a necesidades puntuais, dun plantexamento global de actuación que incida de forma integral na transformación e mellora da realidade da infancia e das familias.

Neste senso, definirase unha proposta de servizos conxunta que permita responder ás necesidades dos menores e as súas familias para optimizar os recursos económicos públicos e privados que se dotan para estes efectos.

A entidade financeira destinará ata 525.000 euros anuais a desenvolver o programa Proinfancia en Galicia, que poñerá a disposición das familias unha serie de axudas dirixidas a reforzo educativo, educación non formal, apoio educativo familiar, terapia psicosocial e promoción da saúde.

Noticias relacionadas