Concello e Policía Local porán en marcha un dispositivo especial de vixilancia durante Fin de Ano

O 31 de decembro se reforzarán todos os turnos e os axentes incidirán no control sobre o cumprimento das medidas e restricións impostas pola pandemia. Un operativo que terá continuidade tamén en Aninovo.

A alcaldesa, Lara Méndez, insta á cidadanía a “desfrutar das festas sen descoidar a saúde dos que máis queremos. Protexelos é protexernos a todos”.

Mércores, 30 de decembro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Concello e Policía Local porán en marcha un dispositivo especial de vixilancia durante Fin de Ano

O Concello de Lugo e a Policía Local non escatimarán, este Fin de Ano, esforzos nin efectivos para velar polo cumprimento das limitacións impostas pola pandemia.

Así o anunciaba hoxe a alcaldesa, Lara Méndez, logo de reunirse co Inspector Xefe, Jesús Piñeiro, para establecer o dispositivo que este Corpo porá en marcha durante a tarde – noite do 31 de decembro e na xornada de Aninovo.

“Queremos un Lugo seguro para todas e todos, queremos unha cidade na que a tranquilidade sexa o factor predominante destas celebracións, que aínda que atípicas e singulares, deben ser recordadas como un momento de ledicia e fraternidade. Un obxectivo conxunto, que nos compete a todos como sociedade pero ao que, dende a administración local, contribuiremos fornecendo de ferramentas suficientes para poder garantir que así sexa”, afirmou a rexedora.

Lara Méndez avanzou que na xornada de mañá a Policía Local reforzará todos os turnos, xa dende primeira hora, pero sinaladamente os de tarde e madrugada.

“De maneira que dende as 15:00 horas extremarase a vixilancia sobre a organización de festas nas que se controlará de forma especial tanto o lugar escollido para levalas a cabo, que deben ser establecementos autorizados, como o respecto a todas as indicacións trasladadas por Sanidade, entre elas a obrigatoriedade de permanecer sentados - mantendo a distancia social – ou os niveis de aforo, segundo a capacidade do recinto, un aspecto que se terá en conta tamén nas xuntanzas que se realicen en baixos e pisos particulares”, sostivo.

A rexedora puxo o foco igualmente no cerco ao botellón, que se intensificará nas zonas habituais desta práctica na cidade, como pode ser o Parque de Rosalía ou O Carme, pero tamén noutros novos emprazamentos detectados pola Policía Local.

“Segundo a franxa horaria da que se trate os axentes incidirán sobre unhas ou outras condutas. Por exemplo, a partir das 01:30 horas do 1 de xaneiro se focalizarán parte dos esforzos na comprobación de que se está a acatar o toque de queda”, indicou Méndez.

Un operativo que terá continuidade o día seguinte, Aninovo, cando se supervisará nomeadamente que non se está a infrinxir a normativa Covid con relación á mobilidade, tendo en conta, ademais, que a hostalaría non poderá abrir antes das 11 da mañá.

A alcaldesa, Lara Méndez, instou á cidadanía a “desfrutar destas datas sen descoidar a saúde dos que máis queremos. Protexelos é protexernos a todos e agora que fomos quen de avanzar e acadar o levantamento dalgunhas das restricións non podemos dar un paso atrás”, concluíu ao tempo que agradeceu o esforzo e implicación da Policía Local e desexou ás e aos lucenses un feliz 2021.

Noticias relacionadas