Concello e apilcultores renden tributo ao ouro líquido de Lugo coa XXIII Feira do Mel

A entidade local colabora na celebración deste certame, que acollerá a Praza da Soidade o vindeiro domingo en horario ininterrompido de 10:00 a 17:00 horas

Nesta cita, que nas anteriores edicións acadou un volume de negocio de preto de 24.000 euros, daranse cita 22 produtores que porán á venda uns 3.000 quilos de mel

Venres, 25 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo colabora un ano máis coa Asociación Provincial Lucense de Apicultura na celebración da XXIII Feira do Mel de Lugo, que acollerá este domingo, 27 de setembro, a Praza da Soidade en horario ininterrompido de 10:00 a 17:00 horas. “Enmárcase na nosa aposta por potenciar a comecialización dos produtos autóctonos de calidade, capaz de xerar riqueza e postos de traballo”, subliñou o voceiro municipal, Miguel Fernández.
Na XXIII Feira do Mel daranse cita 22 produtores que porán á venda uns 3.000 quilos de mel a un prezo de 7 euros o quilo e a 4, o medio quilo. Ao remate da feira sortearase produtos apícolas.
Fernández animou a todos os lucenses e visitantes a “achegarse para mercar o ouro líquido de Lugo, o mel; un dos nosos produtos máis apetecibles, que ten excelentes propiedades para a saúde”.

Asociación Provincial Lucense de Apicultura

A Asociación Provincial Lucense de Apicultura (APLA) reúne a uns 350 profesionais do sector da apicultura lucense, que xera un volume de negocio en toda a provincia duns 4 millóns de euros ao ano, coa venda duns 740.00 quilos de mel que se producen en Lugo, que representan máis do 30% do total producido en Galicia.

Audio

Noticias relacionadas