Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 24 ao 26 de febreiro.

Luns, 27 de febreiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Delitos contra a seguridade viaria

Ás 2:00 horas do día 26 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta a circulación irregular dun vehículo pola rúa Lamas de Prado, comprobando ademais que carece de Seguro Obrigatorio, emprendendo o condutor fuxida ao decatarse da presenza policial, pola rúa Dona Urraca, sufrindo unha saída de vía e chocando contra a fachada dunha casa, abandonando o vehículo e emprendendo a fuxida a pé, sendo inmediatamente localizado por unha patrulla na rúa Juana a Tola, observando que o condutor presenta signos de acharse baixo a influencia de drogas, sendo sometido ás probas regulamentarias co equipo drogotest, lanzando un resultado POSITIVO en OPIÁCEOS E COCAÍNA, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido. (Adxúntase imaxe)

Ás 2:30 horas do día 26 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, detecta a circulación irregular dun vehículo pola rúa Mariña Española, observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,68 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo.

Ás 13:45 horas do día 26 unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detecta na rúa Irmáns Carro un vehículo que ao comprobar a matrícula na Base de Datos policial carece de Seguro Obrigatorio, polo que se lle dá o alto, emprendendo o condutor a fuxida ao decatarse da presenza da patrulla policial, chocando por alcance contra outro turismo que lle precedía, sendo interceptado na rúa da Fraga, observando que o condutor presentaba signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 1,21 mg/l. Así mesmo é sometido ás probas de drogas, lanzando un resultado POSITIVO en ANFETAMINAS, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo.

Sobre as 1:15 horas do día 27 un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo acode a Camiño Real xa que unha patrulla da Policía Nacional interceptara un vehículo, observando que o seu condutor presentaba signos de acharse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 1,22 mg/l., instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizándose o vehículo. Estes dous resultados (1,21 e 1,22 mg/l.), son o segundo e terceiro máis altos rexistrados en centro urbano no que vai de ano, só superados por un condutor que ocasionou un accidente de circulación o pasado 7 de xaneiro e que lanzou un resultado POSITIVO de 1,27 mg/l.

Alcoholemias administrativas

Á primeira hora da mañá do día 26 establecéronse filtros de seguridade viaria en vías do centro urbano, detectando na rúa dos Gardas un vehículo cuxo condutor presentaba signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, lanzando un resultado POSITIVO de 0,49 mg/l., abríndose expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución, inmobilizando o vehículo.

Na rúa Ourense detéctase outro vehículo cuxo condutor ao ser sometido ás probas de alcoholemia, lanza un resultado POSITIVO de 0,58 mg/l., abríndose expediente sancionador con multa de 1.000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de condución.

No transcurso dos filtros de seguridade viaria que levaron a cabo, ademais do control de alcol e drogas realizado a condutores, detectáronse as seguintes infraccións graves:

  • 14 denuncias ao detectar a outros tantos condutores que non presentaran o vehículo a ITV no prazo debido.
  • 3 condutores denunciados por circular carecendo de SOA.
  • 1 condutor denunciado por circular coa ITV desfavorable.
  • 1 condutor denunciado por carecer o seu permiso de condución de validez por non realizar o curso de reeducación.

Detención de persoa por orde xudicial

Na tarde do día 24 procédese á detención dun home sobre o que pesaba orde xudicial de detención e presentación nun Xulgado da cidade de Lugo, que acudiu á Xefatura de Policía Local para solicitar unha autorización para pernoitar no Fogar do Transeúnte, comprobándose polo axente de Policía Local de servizo na zona de seguridade que había unha orde de detención en vigor, instruíndose as oportunas dilixencias para a súa remisión ao Xulgado competente.

Axuda humanitaria

Durante esta fin de semana patrullas da Unidade Territorial de Policía de Barrio e do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo realizaron diversos servizos de auxilio á cidadanía, entre os que cabe destacar:

  • Na mañá do día 25 unha patrulla acode a un edificio da rúa Monforte xa que unha persoa caera no interior do seu domicilio e non era capaz de incorporarse. Os axentes atopan a un home tombado no chan do dormitorio e unha familiar que o coida non pode levantalo, sendo auxiliado polos policías que o trasladan á súa cama, onde queda a cargo do familiar, rexeitando asistencia médica xa que se acha en bo estado.
  • Esa mesma mañá unha patrulla acode a un garaxe da Rolda de Fingoi xa que unha muller quedara atrapada, observando os axentes que esta persoa achábase moi nerviosa, manifestando que a porta de acceso non funciona correctamente, polo que os policías proceden a sacar á persoa do garaxe, levantando un pouco a porta, finalizando así o servizo sen outra novidade.
  • Na noite do día 25 unha patrulla trasládase a un edificio de rolda das Fontiñas xa que unha muller caera no interior da súa vivenda e non conseguía levantarse. Os axentes achan a esta persoa no chan da cociña, manifestando que por motivo dunha lesión desprázase en cadeira de rodas, non accionando o freo da cadeira, escorregando e caéndose ao chan, non sendo capaz o seu acompañante de incorporala, polo que é auxiliada polos policías, sentándoa novamente na cadeira, rexeitando asistencia sanitaria.
  • Na noite do día 27 unha patrulla acode a un edificio da rúa Irmáns Carro xa que unha muller de avanzada idade caera no interior da súa vivenda e un familiar indicaba que saíra un momento do domicilio e que se pechou a porta coas chaves dentro. Finalmente os axentes acceden ao interior, en compañía dunha dotación do 061, que auxilian á muller que se acha tirada no chan cunha forte dor nas costas, sendo trasladada ao HULA para a súa revisión médica.

Venda ambulante non autorizada

Durante a mañá do día 24, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, de servizo no parque da Milagrosa, levantaron 8 actas de denuncia por infracción á Lei de Seguridade Cidadá pola ocupación de espazo público para a venda ambulante non autorizada, propoñéndose sanción para cada un deles de 600 euros.

Noticias relacionadas