Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Servizos destacados durante a fin de semana do 14 ao 16 de xullo.

Luns, 17 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Delitos contra a seguridade viaria

A madrugada do sábado 15 unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta a circulación irregular dun vehículo pola rúa San Roque, dándolle o alto e ao identificar ao seu condutor compróbase a través das bases de datos policiais que CARECE de permiso de condución por non obtelo NUNCA, polo que se instrúen dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo.

A madrugada do domingo día 16 outra patrulla dá o alto a un vehículo na rúa Jacinto Calvo, observando que o condutor presenta signos de embriaguez, sendo sometido ás probas de detección alcohólica, arroxando un resultado POSITIVO de 0,73 mg/l, instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo.

Así mesmo, na rúa San Roque deuse o alto a un vehículo cuxo condutor presentaba signos de embriaguez, arroxando un resultado POSITIVO de 0,44 mg/l e outro condutor foi sometido ás probas de alcoholemia na Praza do Rei, arroxando tamén un resultado POSITIVO de 0,62 mg/l.

Ao primeiro abríuselle expediente sancionador con multa de 500 euros e a retirada de 4 puntos do permiso de condución e ao segundo 1.000 euros e a retirada de 6 puntos, inmobilizando os vehículos.

Venda ambulante sen autorización

Na mañá do día 14 unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, de servizo no Parque da Milagrosa, levantou CATRO actas por infracción á Lei de Seguridade Cidadá, ao detectar a catro persoas ocupando o espazo público para a venda ambulante non autorizada, abríndose expedientes sancionadores con multa de até 600 euros.

Molestias en interior de edificio

Na mañá do día 16 unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da rúa Carril dos Loureiros xa que un mozo alleo ao inmoble está a molestar á veciñanza.

Os axentes achan nas escaleiras a un mozo en evidente estado de embriaguez que estaba a chamar insistentemente ás vivendas xa que quedara cuns amigos, dándose conta de que se confundiu de edificio, polo que é identificado e requirido polos policías para que abandone o inmoble, o que fai ao instante, sen necesidade de asistencia médica, levantando a correspondente acta de intervención.

Accidente de circulación

Na mañá do día 15 un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo acode á rúa Río Ulla xa que se producira un accidente de circulación no que a un vehículo, ao circular pola rúa Portugal para incorporarse á de Río Ulla, crúzaselle repentinamente un peón polo medio da calzada, tendo que realizar unha manobra evasiva, subíndose á beirarrúa e encaixándose contra a porta dun garaxe dun edificio, quedando o peón tirado no chan, sendo trasladado a un centro médico para a súa revisión que, inicialmente, non reviste gravidade. (Adxúntase imaxe)

Noticias relacionadas