Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Luns, 17 de abril de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Detención por violencia de xénero

Na tarde do día 15 de abril unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo é comisionada pola Sala do 092 para que acuda a un edificio da zona norte da cidade xa que, ao parecer, nunha vivenda está a producirse unha rifa de parella.

Os axentes preséntanse de inmediato e un dos axentes entrevístase cunha muller e o outro axente co home que se achaba no portal do inmoble. A muller manifesta que cando estaba deitada, a súa parella quixo manter relacións e como ela se negou, agrediuna, polo que ela tamén o agrediu a el.

Unha das fillas de ambos, maior de idade, que se achaba no domicilio e presenciou parte dos feitos manifestou que estes altercados entre ambos son habituais.

O home manifesta que comezaron unha discusión e que foi a muller a que lle agrediu na cara cunha puñada, tendo que defenderse.

Ante tales feitos os axentes proceden á detención de ambos, por senllos delitos de violencia de xénero e no ámbito familiar, sendo trasladados inicialmente a un centro médico para ser asistidos e posteriormente a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para a súa remisión ao Xulgado correspondente.

Delitos contra a seguridade viaria

Durante a fin de semana, por efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo, detectouse na rúa Serra de Meira un condutor que conducía un vehículo CARECENDO de permiso de conducir por perda total dos puntos asignados, sendo trasladado á Unidade de Atestados do Corpo, onde se instrúen dilixencias por un delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo.

Na rúa dos Gardas unha patrulla camuflada do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo detecta a circulación irregular dun vehículo que, ao ser detido, compróbase que o seu condutor presenta signos de acharse baixo os efectos de bebidas alcohólicas, sendo sometido ás probas de alcoholemia, arroxando un resultado POSITIVO de 1,05 mg/l. (máis de catro veces a taxa máxima permitida), instruíndose dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de Xuízo Rápido, inmobilizando o vehículo.

En senllos controis, detéctase na rúa Illas Cíes un condutor que arroxa un resultado POSITIVO de 0,53 mg/l., e na rúa República Arxentina outro condutor que arroxa un resultado POSITIVO de 0,52 mg/l, abríndose expedientes sancionadores con multa de 1000 euros e a retirada de 6 puntos do permiso de conducir, inmobilizando os vehículos.

Precinto de DOUS vehículos por embargo

Durante a fin de semana, unha patrulla camuflada do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo procede á localización de DOUS vehículos sobre os que pesaba mandamento de procura e captura por embargo, sendo trasladados polo servizo de guindastre ao Depósito Municipal, onde quedan PRECINTADOS a disposición das administracións competentes.

Condutas incívicas

Na madrugada do día 16 de abril foron sorprendidos por axentes de paisano do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo dous mozos ouriñando na Avenida de Rodríguez Mourelo, sendo identificados e levantándose senllas actas de denuncia por infracción á Lei de Residuos de Galicia, propóndose sanción de até 900 euros.

Axuda humanitaria

Durante a fin de semana do 14 ao 16 de abril, patrullas do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo realizaron as seguintes intervencións en materia de axuda humanitaria:

  • Persoa achada tirada na rúa Vilar Ponte. Os axentes comproban que se trata dun mozo que se atopa indisposto, sendo auxiliado polos axentes, requirindo a presenza dunha ambulancia do 061, sendo trasladado ao HULA para a súa atención médica.
  • Persoa caída na rúa Bo Xesús. Os axentes observan a un mozo que presenta lesións na cara e unha forte embriaguez, manifestando que caera, golpeándose o nariz contra o chan, sendo auxiliado e requirindo a presenza dunha ambulancia na que é trasladado ao HULA para a súa atención sanitaria.
  • Persoa tirada en Carril do Xuízo. Os axentes localizan a un mozo que caera ao escorregar na beirarrúa, estando atendido por persoal médico, sendo trasladado ao HULA por unha ambulancia do 061.

Saída de vía

Na tarde do día 16 de abril un equipo de Atestados da Policía Local de Lugo desprázase á confluencia da Avenida de Madrid coa Rolda de Fingoi onde un vehículo se saíu do carril, chocando contra o mastro dun semáforo, levantándose a correspondente acta. (Adxúntase imaxe)

Animais soltos

Na mañá do día 15 de abril unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acode á rúa Camiño de Ferreiro xa que había dous gansos soltos, invadindo a calzada, co consecuente risco para a seguridade viaria.

Os axentes logran controlalos e localizar ao propietario, que é identificado, procedendo a dirixir os animais até a parte posterior da súa vivenda, onde se observan deficiencias no peche da zona onde están habitualmente os gansos, sendo requirido o propietario para que reforce o perímetro para que non volva suceder este feito. (Adxúntase imaxe).

Multimedia

  • Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Noticias relacionadas