Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Luns, 11 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa da Policía Local de Lugo

Vehículos abandonados en vía pública

Durante o pasado mes de DECEMBRO, efectivos da Policía Local de Lugo levantaron 34 actas de denuncia por vehículos estacionados na vía pública con evidentes signos de atoparse ABANDONADOS, motivo polo cal se iniciaron os expedientes correspondentes para a súa retirada dos distintos lugares onde se observaron, que se resumen nas seguintes rúas e prazas: Vidro, Manuel María, Ramón María Aller Ulloa, Irmáns Carro, Río Eo, Carril do Outono, Fontaneira, Túnel de Oural, Primavera, Miguel de Cervantes, Paxariños, Agricultura, Agro da Torna, López Cuevillas, Buxo, Teresa de Calcuta, Dolmen, Rei Don García, Santo Graal, Portugal, Garañón, Río Eo, Enebro, Río Sil, Río Narla, Amendoeira e Couto Grande.

Do total dos 34 vehículos, 6 son furgonetas e o resto turismos.

A todos os titulares notificaráselles o estado dos seus vehículos, requiríndolles para que os retiren do lugar nun prazo determinado, transcorrido o cal se resolverá a súa retirada para o depósito municipal, iniciando o seu tratamento como residuo sólido.

Control patinetes eléctricos

Desde o día 2 de xaneiro, que entrou en vigor a modificación do Regulamento Xeral de Circulación onde se introduce o concepto de vehículo de mobilidade persoal, que non é outro que o patinete eléctrico, indicando que “terán prohibida a súa circulación polas beirarrúas e zonas peonís”, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio estableceron controis para vixiar o cumprimento desta norma, abrindo CATRO expedientes sancionadores a outros tantos condutores de patinetes eléctricos que foron sorprendidos circulando tanto por beirarrúas como por zonas peonís.

Control normas COVID

Durante a fin de semana do 8 ao 10 de xaneiro, co fin de controlar o cumprimento da normativa da Xunta de Galicia sobre as normas COVID, efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio levantaron CINCO actas de denuncia por infracción á Lei de Saúde de Galicia polas seguintes infraccións:

  • 2 actas de denuncia por non facer uso da máscara de protección.
  • 2 actas de denuncia por transitar entre as 23:00 e as 6:00 horas sen causa xustificada.
  • 1 acta de denuncia por superar o aforo máximo permitido no interior dun local de hostalería do Carril dos Loureiros. Os axentes ao inspeccionar o local comprobaron que había 24 persoas no interior cando o aforo máximo, segundo licenza municipal, é de 22 persoas e cando a normativa da Xunta establece o máximo de aforo no interior do 50%, polo que non podería haber máis de 11 persoas no interior do local.

Ruídos en interior de vivendas particulares

Durante a fin de semana do 8 ao 10 de xaneiro, efectivos do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo tiveron que intervir en DOUS domicilios da cidade por mor das molestias que xeraban os seus moradores que molestaban aos veciños.

A primeira intervención prodúcese o día 9 ás 00:15 horas cando unha patrulla desprázase a un edificio do Sagrado Corazón xa que os veciños queixábanse dos ruídos que proviñan dunha vivenda. Os axentes comproban que se trata de actividade humana en ton alto, polo que identifican o responsable ao que requiren para que cesen as molestias, o que fai ao instante.

A segunda realízase ás 00:25 horas do día 11 de xaneiro, nun edificio da rúa Illas Canarias, xa que os veciños quéixanse dos ruídos que proveñen dunha vivenda. Os axentes comproban que se escoitan ruídos de música en ton alto e voces de persoas, polo que identifican ao responsable, facéndolle ver as molestias que causa, requiríndolle para que cese na actividade, o que fai ao momento.

Auxilio a cidadáns

Sobre as 23:10 horas do día 8 de xaneiro, unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno da Policía Local de Lugo, detecta a un home de 69 anos na rúa Nóreras buscando un lugar de acubillo para pasar a noite, xa que non ten domicilio nin recursos económicos para facelo doutra maneira. Debido ás baixas temperaturas, os axentes trasládano ao Fogar do Transeúnte para poder durmir, pescudando que dita persoa é veciño da cidade de Córdoba.

Por outra banda, sobre as 16:50 horas do día 9 de xaneiro, unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo detecta a un home de 42 anos tirado ás portas da Igrexa do Carmen. Os axentes préstanlle os primeiros auxilios, comprobando que presenta unha forte intoxicación etílica, estando consciente, polo que reclaman a presenza dunha ambulancia do 061, na cal é trasladado ao HULA.

Noticias relacionadas