Comeza a construción do primeiro Ecoparque urbano de Lugo en Campo Castelo

A alcaldesa, Lara Méndez, supervisaba esta mañá o inicio dos traballos que suporán unha remodelación integral da zona de xogos, que se ampliará en máis de 70 m².

Os labores, orzamentados en 312.748 euros, terán un prazo de execución de 5 meses.

“A reforma mellorará a estética da zona PEPRI, acadando unha transición serena deste espazo cara a Praza Maior e o Concello”, lembrou a rexedora.

As escaleiras substituiranse por ramplas en prol de incrementar a accesibilidade e o cerramento semellará un gran banco para favorecer a socialización.

Coa sostibilidade como base do deseño, todos os elementos e o mobiliario urbano da instalación procederán da reciclaxe de plásticos.

Mércores, 26 de xullo de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comeza a construción do primeiro Ecoparque urbano de Lugo en Campo Castelo

O Centro Histórico de Lugo disporá proximamente do primeiro Ecoparque urbano da cidade. Será na Praza do Campo Castelo onde esta mesma mañá arrincaban os traballos de remodelación integral desta céntrica área de xogos.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez supervisaba xunto ao responsable de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, o inicio das tarefas.

Méndez, lembrou que a intervención “ten por obxectivo crear un novo espazo de lecer aberto e integrador que favoreza a convivencia en harmonía coa contorna na que se atopa, mediante unha solución arquitectónica que adaptará o espazo para o goce das familias e do conxunto da cidadanía, rompendo co concepto de parque pechado que existe agora”.

Asi, a reforma posibilitará realizar unha transición serena da renovada dotación pública cara a Praza Maior e o Concello, respectando os condicionantes da súa localización e mellorando a estética da zona PEPRI.

A rexedora fixo fincapé nalgúns dos aspectos da obra que se centrarán en outorgarlle unha identidade propia ao novo parque.

“Combinará o ecodeseño do que sería puramente unha instalación infantil con outros recursos urbanos, de esparexemento, visuais e paisaxísticos que axudarán a resolver os límites espaciais do recinto coma se estes foran unha extensión cara a Casa Consistorial e a Praza Maior – subliñou – ao tempo que ampliaremos o recinto en máis 70 m², incrementando a súa funcionalidade dende un punto de vista inclusivo”.

Nestes sentido, as escaleiras serán substituídas por ramplas, e os cerramentos, tanto deste parque como do recinto infantil próximo, serán moito menos invasivos adoptando unha configuración de murete revestido simulando madeira, que exercerá de banco para favorecer a socialización.

A mandataria lucense incidiu en que a accesibilidade e a sostibilidade serán as dúas premisas transversais da actuación, xa que todo o mobiliario procede da reciclaxe de plásticos e terá certificado de baixa pegada de carbono, cumprindo así os obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030.

“Todos os xogos e mobiliario da área infantil de Campo Castelo contará cos selos ‘Made Green’: produtos feitos a base de materiais reciclados post-consumo (como residuos recuperados do océano, téxtiles usados, envases alimentarios, etc.) que supoñen unha redución de aproximadamente o 50 % das emisións de carbono en comparación con produtos tradicionais elaborados a partir de fontes virxes. E tamén do selo ‘Born Green’, que obteñen aqueles produtos feitos do propio material de construción da natureza como a madeira, procedente de silvicultura sostible e, por tanto, pouco contaminantes”, aclarou ao tempo que anunciou, tamén, que tratará de darlle cabida á petición das e dos usuarios máis pequenos de manter o gran columpio que había no parque, incorporando, deste xeito, na medida do posible, como xa fai no resto de proxectos que hai en marcha no municipio, as suxestións da cidadanía.

Igualmente, todo o recinto disporá dun pavimento de caucho continuo, con revestimento decorativo, respectuoso co medio ambiente e con propiedades antiescorregadizas e outras caranterísticas técnicas que garanten unha longa durabilidade e boa resposta ao uso á intemperie.

En canto ao mobiliario urbano, o espazo contará con papeleiras elaboradas con residuos que de forma cotiá se desbotan ao lixo. Ademais, recolocaranse as arquetas existentes e se incrementará a iluminación para aumentar a súa versatilidade no inverno, substituíndo os dous farois por outros tres de maior eficiencia enerxética, en consonancia co resto de actuacións que o Executivo de Lara Méndez levando a cabo nos diferentes barrios da cidade en prol da súa humanización.

Os labores, orzamentados en 312.748 euros terán un prazo de execución de 5 meses.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre o inicio das obras do Ecoparque en Campo Castelo | Descargar mp3

Multimedia

  • Comeza a construción do primeiro Ecoparque urbano de Lugo en Campo Castelo

Noticias relacionadas