Centos de lucenses percorren un camiño de pegadas negras pola cidade contra a violencia machista

A Alcaldesa e outros membros da Corporación sumáronse a esta marcha, unha idea do alumnado de 1º de Produción da EIS, que saíu da Praza de San Marcos e rematou na Escola da TIC, na que tamén participaron distintas asociacións
 
Espectáculos de danza, música e teatro e a proxección de escenas de películas nas que se amosa a violencia contra as mulleres formaron parte deste Camiño

Mércores, 23 de novembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Centos de lucenses percorren un camiño de pegadas negras pola cidade contra a violencia machista

Centos de lucenses sumáronse este mércores a En Camiño contra a Violencia machista, unha iniciativa da Fundación TIC da Deputación incluída na campaña Lugo en Negro do Concello. Os participantes, entre eles a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, e o voceiro municipal, Miguel Fernández; así como outros membros da Corporación, o Presidente da Deputación, Darío Campos, e Deputados Provinciais, vestidos cunha camiseta negra co logotipo da campaña, seguiron as pegadas negras entre a Praza de San Marcos e a sede da Escola de Imaxe e Son da TIC, e tinguiron de loito as rúas da cidade de Lugo en sinal de dó polas vítimas da violencia de xénero.

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, agradeceu á sociedade lucense a súa implicación tanto na iniciativa Lugo en Negro como nesta andaina. “Evidentemente, se queremos acabar con esta gran lacra debemos implicarnos todos, dende a cidadanía, as asociacións, entidades e institucións; e creo que a resposta está sendo masiva e contundente por parte da sociedade”, asegurou a rexedora, ao tempo que lembrou que no que vai de ano, foron 39 as mulleres asasinadas pola única condición de ser muller.

Méndez chamou a seguir implicándose, e máis aínda por parte das institucións con competencias na materia, ao tempo que recordou a Lei de Meidas de Protección Integral Contra a Violencia de Xénero, aprobada no 2004, “á que é necesario dotar e aplicar para que sexa efectiva e paliar esta situación”. Así, destacou que o traballo sigue máis aló do 25N, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero, co obxectivo de chegar a 0 mulleres asasinadas. Para rematar, quixo agradecer tanto á Deputación como á TIC a posta en marcha desta iniciativa, que escenifica o percorrido contra a violencia.

Pola súa banda, o Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos, valorou “o éxito da resposta dos lucenses a esta iniciativa na que camiñamos todos xuntos, e coa que simbolizamos a nosa unión como sociedade para erradicar definitivamente este grave problema. Temos que conseguir que ningunha muller máis sexa vítima da violencia de xénero”.  Destacou ademais que este “é un proxecto dos nosos alumnos, xa que foron eles os que tiveron a idea e os que organizaron todas as actividades que forman parte do Camiño”.

Os lucenses contra a violencia
A esta marcha contra a violencia de xénero sumáronse cidadáns, alumnos e traballadores da TIC, institucións e unha vintena de asociacións e organizacións da provincia: Federación de Asociacións de Veciños, Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia, Asociación de Autónomas de Lugo, Asociación de Viudas, Asociación de Amas de Casa, Fademur, Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería, SOMOS Unidos por el Cáncer, Afalu, Asociación Bonhomía, Fundación Secretariado Gitano, Aspnais, Asociación Síndrome de Down, Manos Unidas, Aulas da Terceira Idade, Aliad, Achádego Teatro, Club Baloncesto Breogán e  Club Deportivo Lugo.

De San Marcos á EIS
En Camiño contra a Violencia recolle as propostas dos alumnos e alumnas de primeiro de produción da EIS. O Camiño arrincou na Praza de San Marcos cunha posta en escena con fotografía, danza e música, na que colaborou a USC con bailaríns e o coreógrafo Juan Carlos Zahera.

A continuación, os participantes seguiron as pegadas ata a Praza Maior. Alí proxectáronse escenas de películas que amosan a violencia contra as mulleres. A marcha atravesou a Praza de Santa María e fixo unha nova parada na Porta de Santiago da Muralla romana. No monumento Patrimonio da Humanidade actuou un mimo.

O Camiño rematou na EIS, que recibiu aos participantes vestida de loito. Nas súas instalacións proxectáronse dous vídeos. Un deles protagonizado polos alumnos e traballadores da TIC, con frases como “Tolerancia cero”, “A resignación non é máis que un hábito”, “Se che pega non te quere” ou “ Non son o teu dono”. Tamén se presentou o vídeo gravado e editado pola TIC que ten como base a letra da canción Que nadie de Manuel Carrasco. Neste caso, os protagonistas son representantes dunha trintena de asociacións e diversos colectivos, así como da entidade local e provincial.

Multimedia

  • Centos de lucenses percorren un camiño de pegadas negras pola cidade contra a violencia machista

Noticias relacionadas