A campaña de rebaixas Localmente Lucense premiará ás persoas que realicen compras no comercio de Lugo do 15 de xullo ao 31 de agosto

Trátase da nova iniciativa promovida polo Goberno de Lara Méndez dentro do Plan de dinamización de barrios, para fomentar o consumo nos establecementos locais.

Lara Méndez: “Esta campaña súmase aos tardeos e noiteos, actividades coas que buscamos encher de vida as prazas da cidade durante a época estival”.

Para participar no sorteo de premios, os interesados deberán presentar un ticket de compra, dun importe mínimo de 10 euros, dos comercios adheridos.

Haberá voos cautivos en globo aerostático, vales para consumir no comercio e hostalería da cidade, así como agasallos do momemento Localmente Lucense.

Xoves, 14 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A campaña de rebaixas Localmente Lucense premiará ás persoas que realicen compras no comercio de Lugo do 15 de xullo ao 31 de agosto

O Goberno de Lara Méndez premiará ás persoas que realicen compras no comercio de Lugo do 15 de xullo ao 31 de agosto. Farao a través da nova campaña de rebaixas Localmente Lucense, que pon en marcha o executivo municipal para fomentar as compras nos comercios e establecementos de proximidade da cidade.

Así o avanzou este xoves a rexedora, quen subliñou que “aquelas persoas que preseten un tícket de compra superior a 10 euros participarán no sorteo de máis de 5.000 premios, entre os que se atopan bonos para voos cautivos en globo aerostático ou vales para gastar nos comercios de Lugo, entre outros agasallos”.

Lara Méndez explicou que “esta campaña enmárcase no Plan de dinamización de barrios que puxemos en marcha dende a área de Desenvolvemento Local e Emprego e que inclúe outras actividades como os tardeos e noiteos cos que buscamos encher de vida as prazas da cidade durante o verán”.

Para participar no sorteo de premios, os interesados deberán presentar un ticket de compra, dun importe mínimo de 10 euros, entre o 15 de xullo e o 31 de agosto, de calquera dos establecementos adheridos ao movemento Localmente Lucense (o listado completo pode consultarse en www.localmentelucense.gal). Este tícket deberá ser validado no punto fixo de atención e información que o Concello habilitou na rúa Tinería nº 36. En total haberá 5.475 premios divididos do seguinte xeito:

  • 140 pasaxes dobres (para 2 persoas) de “voo cautivo” nun globo aerostático (28 voos por cada agrupación de barrios da cidade).
  • 145 vales para consumir no comercio local adherido ao movemento Localmente Lucense (50 vales de 5 euros, 40 vales de 10 euros, 30 vales de 20 euros, 15 vaes de 50 euros e 10 vales de 100 euros).
  • Outros premios: 5.000 chapas e adhesivos do movemento Localmente Lucense.

Datas e ubicacións do globo aerotático nos barrios:

  • LUGO CENTRO (Aparcamento do Edificio Administrativo do Concello): 10 de agosto.
  • LUGO NORTE (Xardíns do CEI NODUS): venres 29 de xullo.
  • LUGO OESTE (Barrio da Ponte - zona verde ao lado do río): domingo 24 de xullo.
  • LUGO SUR (Praza de Augas Férreas): mércores 3 de agosto.
  • LUGO LESTE (Parque de Paradai): 24 de agosto / (As Gándaras e Polígonos Industriais de Lugo): 17 de agosto.

Noticias relacionadas