A Biblioteca Municipal, a piques de alcanzar os 12.000 usuarios

Dende o 1 de xaneiro, o centro incorporou 220 exemplares e 196 persoas déronse de alta na Biblioteca. Ademais, realizáronse 11.800 préstamos

Os libros da sección de adultos máis solicitados neste ano son La chica del tren en castelán e A praia dos afogados, en galego. Na sección infantil, as obras máis demandadas son Diario de Greg e A banda sen futuro

Luns, 18 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Na actualidade, o número de usuarios inscritos no servizo de préstamo da Biblioteca Municipal é de preto de 12.000, dos cales máis de 9.800 son adultos e 1.900 nenos, dándose de alta neste servizo dende o pasado 1 de xaneiro 196 novos usuarios. “Trátase dun balance moi positivo a favor da Biblioteca Municipal, unha servizo que se reforza ano tras ano coa constante actualización e ampliación do seu fondo bibliográfico que conta a día de hoxe con 37.736 exemplares, dos que 31.437 son libros, 13.853 infantís e 17.584 adultos; 4.440 documentos audiovisuais, 1.361 documentos sonoros e 501 documentos electrónicos”, subliñou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, que como dato de interese, deu a coñecer que a Biblioteca superou nos primeiros seis meses do ano os 11.800 préstamos, sendo un 84% do total libros, e o resto documentos audiovisuais.

“Estas cifras amosan a aposta clara e decidida do Concello pola cultura, e por facilitarlle aos lucenses o acceso a un bo fondo bibliográfico e audiovisual de xeito gratuíto, achegándolles ademais títulos novidosos do panorama literario actual”, asegurou Basadre, ao tempo que fixo fincapé na boa aceptación da biblioteca entre os veciños, que se consolida como espazo de estudo, consulta e lectura, e que ofrece ademais numerosas actividades de animación a lectura, dirixida aos cativos e á mocidade, para fomentar o seu interese polos libros.

As cinco obras en castelán da sección de adultos máis solicitadas nos primeiros seis meses do ano foron La chica del tren, de Paula Hawkins, El amante japonés, de Isabel Allende, Ve y pon unha centinela de Harper Lee, La Templanza de María Dueñas e Lo que no te mata te hace más fuerte, de David Lagercrantz. En galego, os exemplares máis prestados foron A praia dos afogados, de Domingo Vilar, Os vellos non deben de namorarase de Alfonso R. Castelao, Zapatillas Rotas de Xabier Quiroga, Sete caveiras de Elena Gallego e a obra poética completa de Manuel María.

A Biblioteca máis infantil e xuvenil
No que respecta á sección infantil e xuvenil, os libros en castelán máis solicitados polos nenos e nenas foron Diario de Greg:carretera y manta, de Jeff Kinnesy, Campanilla y la leyenda de la bestia de Disney, Cachorros al rescate, de Kim Duran, Finis mundi de Laura Gallego e La increíble historia del chico del millón de David Wallians.

En lingua galega, os cativos decantáronse máis polas obras A banda sen futuro de Marilar Alexandre, O único que queda é o amor, de Agustín Fernández Paz, Os Bolechas teñen unha curmá, de Pepe Carreiro, O Cocoricó de Marisa Núñez e O veleno da risa, de Jaureguizar.

Audio

  • Carmen Basadre, Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua | Descargar mp3

Noticias relacionadas