A Banda Municipal de Música de Lugo dedica un concerto a Manuel Curros Enríquez no centenario da súa morte

Venres, 06 de xuño de 2008
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Banda Municipal de Música que depende da Concellería de Cultura do Concello de Lugo, dedicará o concerto do día 12 de xuño ao poeta galego Manuel Curros Enríquez en homenaxe ao centenario da súa morte.

O concerto que terá unha duración dunha hora, dará comezo ás 20:00 horas e terá lugar no templete da Praza Maior. A homenaxe rematará coa interpretación dunha versión instrumental de Unha noite na eira do trigo.

Esta iniciativa únese a unha serie de actos que están tendo lugar en toda Galicia para conmemorar os 100 anos dende o falecemento do escritor Curros Enríquez

Manuel Curros Enríquez naceu en Celanova no ano 1850. levou unha vida errante de xornalista combativo, e como poeta  formou xunto a Rosalía de Castro e Eduardo Pondal, a gran tríada do Rexurdimento Galego.

Curros escribiu entre outros títulos: Aires da miña terra ou O divino sainete

O 5 de xuño de 1869, mentres estudaba en Madrid, escribiu a súa célebre Cantiga, que co primeiro verso transformado en Unha noite na eira do trigo, sería unha das Seis baladas galegas para piano e voz de Xoán Montes, creador da Banda Municipal lucense.

Noticias relacionadas