Ata o 1 de xullo está aberto o prazo para solicitar as axudas que concede o Concello para adquisición de material escolar de educación infantil

As axudas son un vale para material escolar de 80 euros e o prazo remata o 1 de xullo

Xoves, 11 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Educación, Formación e Orientación laboral informa que dende mañá venres 12 de xuño que xa se poden solicitar as axudas que convoca o Concello de Lugo para a adquisición de material escolar.

O prazo para presentar as solicitudes das bolsas escolares de axuda para educación infantil para o curso 2015-2016 permanecerá aberto ata o día 1 de xullo.

Un ano máis o Concello segue a aumentar a partida destinada a axudar ás familias con menos recursos a comprar material escolar. Estas axudas municipais consisten nun vale desconto por un importe de 80 euros con destino á compra de libros ou material escolar.

Estas axudas teñen por obxecto a concesión de subvencións a familias con escasos recursos para a adquisición de libros de texto e material educativo para o segundo ciclo de infantil (3 a 5 anos) e para alumnado matriculado en centros sostidos con fondos públicos. 

Para acceder ás axudas o único criterio é a renda familiar e é necesario que o alumno estea censado en Lugo.

O formulario estará a súa disposición nas oficinas da Concellería de Educación (Centro de Convivencia Uxío Novoneyra), na Oficina de  Participación Cidadá (Edificio Oficinas Municipais) e no propio BOP. As solicitudes deben presentarse no Rexistro municipal. 

+ Info

Noticias relacionadas