A área de Medio Ambiente realiza estes días un dispositivo intensivo de roza na contorna do antigo mercado gandeiro do Ceao

O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, supervisou os traballos para comprobar o estado no que quedaron os predios sitos neste sector do polígono.

A brigada, composta por tres tractores e catro operarios especializados neste tipo de tarefas, ten o cometido de retirar a maleza, lixo e entullo que se foi acumulando na zona.

Venres, 27 de xaneiro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A área de Medio Ambiente realiza estes días un dispositivo intensivo de roza na contorna do antigo mercado gandeiro do Ceao

A área de Medio Ambiente que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández desenvolve estes días un dispositivo intensivo de roza nun dos sectores do polígono industrial do Ceao onde se detectou unha maior acumulación de maleza.

O concelleiro supervisou os labores da brigada, equipada con rozadoras, motoserras e sopradoras, “á que se dotou con catro operarios especialistas no manexo desta maquinaria e na realización deste tipo de tarefas, na procura dunha maior eficacia”, indicou.

“O operativo - sinalou o edil - completouse con tres tractores, un deles con pa, cos seus respectivos condutores para facer unha limpeza exhaustiva das parcelas municipais situadas entre o Punto Limpo e a planta de transferencia de Sogama, máis concretamente na contorna coñecida como o antigo mercado gandeiro de Lugo”, puntualizou Miguel Fernández.

O tenente de alcaldesa explicou que, alén de eliminar a vexetación que nace na zona de forma espontánea, os traballos inclúen a retirada de lixo e entullo que se foi acumulando na zona e destacou que, dende que comezou o ano, as brigadas realizaron o acondicionamento completo do barrio da Louzaneta no que se refire a soares, vías e camiños públicos.

Tamén se asearon os predios municipais do barrio do Castiñeiro e da Abella, do de Albeiros e nas rúas Cuartel, Vento, Infanta Elena e Illa Madeira, así como no estacionamento disuasorio ubicado en Manuel Portela.

“Nos próximos días o servizo desprazarase á Piringalla, á Croa e á rúa Primavera e posteriormente acudirá ás Gándaras, Fervedoira e aos arredores do Hospital Lucus Augusti, atendendo ás necesidades da cidade e ás demandas que a este respecto nos traslada a veciñanza”, concluíu o responsable de Medio Ambiente.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre o dispositivo intensivo do Ceao | Descargar mp3

Noticias relacionadas