A Alcaldía de Lugo reduce á metade os protocolos de tramitación interna axilizando todos os procedementos administrativos

Ademais a área de Gobernanza iniciou hoxe os traballos de recollida de pegadas dactilares para iniciar o control horario do persoal

Venres, 20 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldía de Lugo reduce á metade os protocolos de tramitación interna axilizando todos os procedementos administrativos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou hoxe que o Concello vén de aprobar un Regulamento interno que non só permitirá homoxeneizar os procedementos administrativos senón que posibilita a redución á metade dos máis de 225 protocolos de traballo existentes.

“O obxectivo é ser máis operativos, mantendo a seguridade xurídica e legal obrigada e mellorando tamén os índices de transparencia. Ademais deste novo Regulamento, que afecta a todos os departamentos do Concello, hoxe mesmo asinarei un novo decreto máis específico para impulsar especialmente esta optimización na operativa da área de Gobernanza, Economía e Recursos Humanos. Como sabedes, comprende os servizos de contratación, fomento e patrimonio, facenda local, inspección de tributos e persoal, que teñen un marcado carácter transversal e con gran incidencia no resto das concellerías e nos servizos máis demandados pola cidadanía”, indicou Lara Méndez.

“Estas medidas, que hoxe vos trasladamos, e que estamos a pór en marcha para axilizar os procedementos administrativos do Concello, son as ferramentas que permitirán que avancemos de xeito máis óptimo e eficaz nas tramitacións internas e polo tanto, as que posibilitarán que poidamos ofrecer unha mellor resposta ás necesidades da veciñanza”, salientou a rexedora.

Nesa mesma liña Lara Méndez anunciou tamén que “neste mandato forneceranse as figuras do Interventor Xeral e da Vicesecretaria, que serán claves na coordinación desta área de Gobernanza, en estreita colaboración coa concelleira Paula Alvarellos. O seu papel será, principalmente, o de ditar instrucións e establecer as prioridades na tramitación administrativa, con respecto aos procedementos xestionados, e dar asesoramento e apoio. Para estas funcións, disporá do persoal adscrito aos servizos da propia área de Gobernanza e Recursos Humanos”.

“Cando falamos sempre de que estamos a impulsar a segunda transformación de Lugo, tamén nos referimos a todos estes aspectos, a modernizar as nosas maneiras e xeitos de traballar dentro da Administración municipal para reverter as inercias que lastraban os procedementos burocráticos e que, ata este momento, estaban a enlentecer os proxectos iniciados restándonos dilixencia”, subliñou Lara Méndez.

Por outra banda, hoxe comezaron os traballos de gravación de pegadas dactilares dos empregados públicos do Concello para poñer en marcha, á maior brevidade posible, o control horario dos mesmos.

A edil responsable da área de Gobernanza, Paula Alvarellos, supervisaba esta mañá o inicio das tarefas que se irán desenvolvendo de xeito paulatino no resto de departamentos e servizos municipais, de maneira que o vindeiro ano todo o cadro de persoal estará obrigado, mediante a lectura biométrica da súa pegada dactilar, a rexistrar a entrada e saída do seu centro de traballo.

Paula Alvarellos explicaba en rolda de prensa que de forma paralela á entrada en vigor definitiva do Regulamento deste control horario se avanza tamén na tramitación dos procedementos de xustificación de permisos, vacacións, licenzas e outras situacións que afecten á xornada e horario laboral.

“Hoxe tamén presentamos o borrador deste Regulamento aos sindicatos, cos que xa estivemos traballando, e abrirase o prazo dun mes para que acheguen as súas propostas – indicou a edil responsable de Gobernanza, Economía e Recursos Humanos. Damos así cumprimento á normativa básica nesta área, aplicándoa de forma eficaz e homoxénea nos diferentes servizos e determinando unhas instrucións xerais para a organización dos mesmos, sempre na busca da eficiencia e eficacia das prestacións municipais”.

Paula Alvarellos subliñou que, neste regulamento, terase en conta especialmente a flexibilidade da xornada laboral coa finalidade de que as e os empregados públicos poidan conciliar a súa vida familiar e laboral, no marco tamén da aplicación das políticas de Igualdade que se desenvolven, de xeito transversal, en tódolos departamentos do Concello.

“Queremos crear, ademais, un portal web do Emprego, co obxecto de que cada empregado poida realizar un seguimento individual sobre o cumprimento da súa xornada e horario de traballo, realizar a solicitude de vacacións, días de libre disposición e permisos e, así mesmo, configurarase unha comisión de seguimento paritaria para analizar melloras do sistema ou resolver cuestións ou dúbidas sobre a aplicación deste control”, sinalou a concelleira.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a axilización de procedementos | Descargar mp3
  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre o control horario | Descargar mp3

Noticias relacionadas