15 desempregados lucenses reciben medio ano de formación especializada no eido das TIC

A Alcaldesa e a Concelleira de Emprego mantiveron un encontro cos participantes no obradoiro EmpregaTIC, que arrancou esta semana e remata en febreiro

Venres, 30 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, mantivo este venres un encontro no Espazo de Orientación Laboral do Concello cos alumnos e alumnas do curso EmpregaTIC, grazas ao que 15 desempregados do municipio reciben medio ano de formación especializada no eido das TIC encamiñada a acadar un nivel adecuado de coñecementos para mellorar a súa inserción laboral.

Lara Méndez destacou a importancia de apostar pola formación, porque “nunca se sabe cando vas utilizar os coñecementos que tes, porque moitas veces, no sistema educativo tiñamos a sensación de que o que estudabamos non servía para nada e nunca sabes onde vas aplicar os coñecementos aprendidos”.

Trátase dun obradoiro que conta cun orzamento de 130.800 euros, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. O obradoiro, mediante o cal o Concello pretende pór en valor o patrimonio documental, natural e histórico do municipio a través das TIC, ao tempo que facilita a formación dos lucenses, conta con dous módulos, Xestión de marketing e comunicación, para 8 alumnos e Desenvolvemento de produtos multimedia interactivos, para 7 alumnos.

Entre as actuacións principais que se contemplan nas especialidades formativas a impartir no obradoiro atópase o deseño dun produto multimedia onde consultar os arquivos dixitalizados, a realización dun vídeo e dunha infografía, e a posta en marcha dun plan de marketing, así como eventos sobre cultura dixital, entre outros. Os participantes obterán os certificados profesionais homologados pola Xunta de Galicia para desenvolver estes traballos.

O EmpregaTIC dará continuidade aos tres últimos obradoiros que financiou ao Concello a Administración Autonómica: a Memoria da Cidade, Arqueo Lvcvs e Urbs Lvcvs, relacionados coa xestión documental, arquivo, dixitalización e catalogación do patrimonio histórico e cultural do que é titular o Concello, que facilitaron mellorar a empregabilidade de 70 persoas desempregadas que contribuíron a atesourar 198 libros, 21.000 imaxes, 2.300 planos, máis de 3.200 fotografías e dixitalización 3D.

Noticias relacionadas