Comunicado de prensa de la Policía Local de Lugo

Viernes, 09 de mayo de 2025
Fuente: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de la Policía Local de Lugo

Intervención policial por presunto uso fraudulento de tarxeta de mobilidade reducida

A Policía Local de Lugo instrúe dilixencias ante un presunto delito de falsidade documental relacionado co uso fraudulento dunha tarxeta de estacionamento para persoas con mobilidade reducida, tras unha intervención realizada nas inmediacións do acceso de urxencias do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).

Durante unha inspección rutineira das prazas reservadas para mobilidade reducida, os axentes do operativo comprobaron que un vehículo estacionado presentaba unha tarxeta de estacionamento claramente falsificada, impresa e recortada de forma burda, colocada no salpicadoiro co obxectivo de aparentar a súa lexitimidade.

A través dunha verificación co servizo responsable de emitir estas tarxetas, constatouse que a tarxeta real pertencía á nai da condutora, a cal non se atopaba no hospital nese momento. A titular estaba no seu domicilio, como confirmou a propia familia vía telefónica.

Instantes despois, os axentes localizaron á condutora, recoñecendo ante os axentes que usaba dita reprodución da tarxeta co único fin de facilitar o seu aparcamento.

Posteriormente, a implicada presentou alegacións con documentos que xeraron novas dúbidas. Entre eles incluíronse dous certificados médicos sen sinatura nin número de colexiado, presuntamente vinculados a consultas da súa nai ese mesmo día. A tarxeta que alegou non coincidía en cor nin en aparencia coa intervida polos axentes, o que suxire a posible existencia de varias copias manipuladas.

Os certificados presentados tampouco acreditan de forma fehaciente a presenza da titular no hospital o día dos feitos, e presentan discordancias en selos, sinaturas e contido. Por estes motivos, a Policía Local remitiu o atestado á autoridade xudicial, ao considerarse os feitos constitutivos dunha presunta falsidade documental, tipificada no Código Penal.

Desde a Policía Local de Lugo lémbrase que as prazas de mobilidade reducida son un dereito fundamental para quen verdadeiramente as necesita. O uso fraudulento destas tarxetas non só é unha falta de ética e solidariedade, senón que pode constituír un delito penal con consecuencias legais graves.

A falsificación ou reprodución non autorizada de documentos oficiais non só supón un engano, senón que prexudica a persoas vulnerables cuxa mobilidade depende destas facilidades e cada praza especial ocupada de forma fraudulenta é un obstáculo máis para quen de verdade a necesita.

Noticias relacionadas