O Concello saca a contratación o servizo de comedor escolar por 833.000 euros

A Xunta de Goberno aprobou a licitación e os pregos desta prestación, así como das actividades extraescolares, que contan cun orzamento de 43.300 euros

Adxudicado o servizo de comida no fogar á empresa Alimentación Saudable por un importe de 86.721,6€ ao ano, e unha duración de dous anos, prorrogable por outros dous. Serviranse 21.360 menús anuais

Miércoles, 07 de junio de 2017
Fuente: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores sacar a contratación a prestación do servizo de comedor escolar (almorzo e xantar), o denominado programa Escola Aberta, cun orzamento de 833.237,16€, así como as actividades extraescolares en horario non lectivo por 43.348,31€, en ambos casos por un período de dous anos, coa posibilidade de prórroga por outros dous. O comedor prestarase de setembro a xuño e as actividades extraescolares, de outubro a maio. Así o anunciou a vicevoceira municipal, Carmen Basadre, que deu conta nunha rolda de prensa dos asuntos tratados na Xunta de Goberno.

Basadre explicou que, segundo recollen os pregos aprobados hoxe na Xunta de Goberno, para a adxudicación de ambos servizos os criterios de valoración son a oferta económica, melloras nas condicións salariais, calidade no emprego e plan de formación, entre outras melloras sociais, como medidas para facilitar a conciliación laboral e familiar ou o maior número de horas de apoio ao servizo de comedor.

A vicevoceira lembrou que no Pleno ordinario de maio quedou inicialmente aprobada a ordenanza reguladora da prestación do servizo de comedor escolar –a primeira das grandes cidades galegas-, e subliñou que a duración deste contrato está supeditado a que a Xunta de Galicia asuma directamente ou a través das ANPAs este servizo a través dun convenio. “O Concello suple á Administración galega, porque cremos que é un servizo imprescindible e non queremos que os nenos e nenas se queden sen comedor escolar o vindeiro curso”, asegurou Carmen Basadre.

O Concello publicará os anuncios de licitación no Diario Oficial da Unión Europea, no Boletín Oficial Estado e no Boletín Oficial da Provincia, así como no perfil do contratante, na web do Concello (www.lugo.gal) O prazo de presentación de proposicións será de 40 días naturais, contados dende a data do envío do anuncio do contrato á Comisión Europea.

Comida no Fogar
A Xunta de Goberno aprobou adxudicar a contratación do servizo de comida no fogar do Concello á empresa Alimentación Saudable por un importe de 86.721,6€ ao ano, e unha duración de dous anos, prorrogable por outros dous. Con este contrato se estima servir 21.360 menús ao ano e aboaranse os efectivamente realizados, explicou Carmen Basadre. A Mesa de Contratación seleccionou a oferta desta empresa por ser a economicamente máis vantaxosa e por aumentar a frecuencia de reparto a cada usuario nun día máis á semana que o indicado no prego, polo que o reparto farase dúas veces á semana.

Por outra banda, acordouse a imposición da terceira multa coercitiva á propiedade do inmoble número 12 da Ronda da Muralla, por importe de 3.000€, debido ao incumprimento das resolucións ditadas pola Xunta de Goberno o 2 de abril de 2014, polo que se declarou en ruína urbanística o devandito edificio. Requíreselle así mesmo a execución de medidas de seguridade (tapiado para impedir o acceso, eliminación dos elementos con perigo de desprendemento e retirada dos utensilios do interior co fin de evitar novos incendios) e a presentación dun proxecto conxunto que contemple ademais da demolición do inmoble a súa posterior edificación por encontrarse dentro do ámbito do PEPRI.

Ademais, quedaron aprobadas as solicitudes de declaración en situación legal de fóra de ordenación total de inmobles situados na Campiña (San Salvador de Muxa); Lagoa (Santiago de Meilán); Saamasas; Polígono 502; San Amaro; rúa Fiúncho e As Areeiras.

Na reunión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou autorizar servizos extraordinarios para os traballadores que compoñen o equipo técnico que se ocupa do desenvolvemento da parte de administración electrónica dos proxectos europeos Red.es e EDUSI, que o Concello conseguiu para avanzar na implantación das novas tecnoloxías e a transformación urbanística da cidade na zona do Carme.

Acordou así mesmo proceder á incautación parcial, por importe de 4.040,73€, da garantía definitiva constituída pola empresa Artenosa Publicidade SL para o contrato de inserción e explotación de publicidade interior e exterior nos autobuses urbanos, para sufragar os danos producidos nos vehículos como consecuencia da retirada da publicidade.

Quedou aprobada a incoación dun expediente de imposición de penalidade diaria de 23,10 euros á empresa adxudicataria das obras de renovación de servizos e pavimentación no barrio de Casás por incumprimento do prazo de execución da obra, que debía estar rematada o 24 de abril. A penalidade diaria aplicarase sobre a demora que se produza a partir desa data prevista de finalización –o 24 de abril- ata a recepción das obras.

Prazas Secretaría e Vicesecretaría
A Xunta de Goberno aprobou tamén as bases para a provisión, polo sistema de libre designación, dos postos de Secretario Xeral do Pleno e de Vicesecretario.