A Xunta de Goberno aproba a renovación do alumeado público na contorna da Fonte dos Ranchos

Alexandre Penas: “esta renovación permitirá aforrar en gasto e reducir en mantemento ao haber actualmente unha instalación moi antiga”

A área de Infraestruturas renovará as canalizacións e a instalación eléctrica e mudará as actuais luminarias por LED para reducir o consumo enerxético

Xoves, 08 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta de Goberno aproba a renovación do alumeado público na contorna da Fonte dos Ranchos

A Xunta de Goberno do día de hoxe aprobou a apertura do proceso para contratar a renovación da iluminación da Fonte dos Ranchos, da rúa Doutor Ochoa e do primeiro treito da avenida das Américas, até o cruce coa rúa Ameneiro. Segundo indicou Alexandre Penas, “con este investimento o concello aforrará mensualmente no consumo eléctrico, avanzando cara a unha cidade máis ecolóxica, e tamén nos recursos dedicados ao mantemento, xa que se renovará toda a instalación”.

O proceso sairá a licitación por 364.043,24€ e un prazo de execución de 3 meses. Mudaranse máis de 60 luminarias, o que permitirá unha reducción de ata o 50% do consumo eléctrico con respecto ao actual, cumprindo igualmente con todas as indicacións do regulamento de eficiencia enerxética para alumeado exterior. O edil de Infraestruturas explicou que “esta é unha das actuacións que integramos no último suplemento de crédito, que inclúe máis dun millón de euros para renovar o alumeado público da cidade”.

Penas lembrou que esta actuación está vinculada á realizada nos últimos meses, coa instalación de alumeado público nos xardíns Ibañez Méndez. Alexandre Penas explicou que “a mellora do alumeado aumentará tamén a visibilidade e a seguridade da veciñanza da contorna”, e lembrou que “tratamos de realizar intervencións nos distintos barrios para que o mantemento de toda a cidade avance de maneira uniforme”.

Audio

  • O edil de Infraestruturas, Alexandre Penas, sobre a iluminación na Fonte dos Ranchos | Descargar mp3

Multimedia

  • A Xunta de Goberno aproba a renovación do alumeado público na contorna da Fonte dos Ranchos

Noticias relacionadas