A Xunta de Galicia négalle ás e aos lucenses unha zona de baño pública no Miño

O informe de Patrimonio Natural trata de coartar a lexitimidade do permiso outorgado por 25 anos e ao que el mesmo deu o seu beneplácito en 2019.

Esta non sería a única incongruencia da Consellería que ofrece unha colaboración ficticia a buscar outro emprazamento para unha instalación que ela mesma cualifica de problemática e rexeitanun sistema de augas correntes como o río.

O cambio de localización que propón obrigaría, por outra parte, a empezar de cero toda a tramitación para crear a praia fluvial, que levaría anos.

Segundo Miguel Fernández, semellantes dicotomías “evidencian que a zona de baño pública en Lugo non é, para a Xunta máis que un instrumento partidista, unha arma electoral que empregan sen reparo, poñendo o criterio técnico ao servizo da política máis rancia, a costa dos intereses da cidadanía”.

Mércores, 20 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta de Galicia négalle ás e aos lucenses unha zona de baño pública no Miño

“A Xunta de Galicia négalle aos eás lucenses o dereito a gozar dunha zona de baño pública no Miño”.

Con esa rotundidade se expresaba hoxe o tenente de alcaldesa e voceiro municipal, Miguel Fernández ao respecto do informe desfavorable emitido onte pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural sobre o cambio, non substancial, de ubicación da estrutura flotante, uns 40 metros augas arriba.

“A resolución é clarísima. Pretende coartar non só neste 2022, senón, de súbito, os 25 anos de concesión que temos autorizados, tratando de deslexitimar o permiso que se nos outorgou, negándonos a posibilidade de avaliar, cada exercicio, cal é a situación do río para determinar se, cada verán – pero un a un - resulta procedente ou non colocar as piscinas”, afirmou o portavoz.

Para o Goberno local, a propia Xunta de Galicia entra en contradición consigo mesma ao posicionarse en sentido contrario ao que determinou no derradeiro informe que enviou en 2019 á CHMS - previo á concesión do permiso - e no que afirmaba literalmente que, respectando eses condicionantes, ‘poderíase autorizar a instalación destas piscinas (na localización proposta) se así o entenden dende a CHMS’, como foi.

“Un informe, ese de 2019, que, por certo, está a ocultar deliberadamente para evitar que queden retratadas as súas propias incongruencias, o que evidencia, por partida dobre, que para a Xunta de Galicia a zona de baño pública en Lugo non é máis que un instrumento partidista, unha ferramenta coa que persegue facer dano electoral, cando non teñen o máis mínimo reparo en poñer o criterio técnico ao servizo da política máis rancia, que é a que acostuman a facer, a costa dos intereses da cidadanía que leva anos reclamando esta dotación”, afeou o voceiro municipal.

Dicotomías que o concelleiro exemplificou tamén co falso ofrecemento a colaborar para buscar outro emprazamento cando no punto 9 do documento que a Xunta vén de presentar, descarta directamente o sistema de plataformas por consideralas ‘problemáticas nun sistema de augas correntes – como é o Miño – suxeitas a variacións de calado, caudais e velocidades de corrente’.

Un cambio de localización que obrigaría, por outra parte, a empezar de cero toda a tramitación para crear a praia fluvial, desbotando todo o traballo feito pola Administración local nos últimos anos e que xa contaba co aval dos organismos correspondentes.

Miguel Fernández non dubidou, ademais, en cualificar o contido deste último informe como “un relato baseado na enumeración de suposicións, conxecturas e hipóteses, partindo da premisa fundamental de que, para rexeitar o cambio de ubicación proposto polo Concello, nin sequera se meteron no río para comprobar a existencia de mexillóns nesa zona”.

O tenente de alcaldesa explicou que a Administración local foi a única que acometeu a prospección tanto da localización inicial como da proposta posteriormente e contrapuxo cos datos obtidos as dúbidas infundadas que trata de sementar a Consellería de Medio Ambiente. 

Deste xeito, o estudo técnico independente realizado por Topysa (empresa contratada pola adxudicataria da instalación da zona de baño pública) levou a cabo, na ubicación inicial da plataforma,unhaanálise dunha superficie total de 2.364 m2, dividida en 8 puntos de mostraxe, nos que contabilizou un total de 96 exemplares de mexillón, “unha cifra sobre a que logo a Xunta fixo a estimación dunha posible densidade con rango entre os 6.000 e os 10.000 individuos”.

E, a continuación, avaliouse xa tamén a zona a onde propuxemos trasladar a estrutura, quedando constatado que nela se aloxaba un baixo número de exemplares e resultando axeitado, por ese mesmo motivo, o seu desprazamento cara ese lugar.

Fernández sinalou que entre os ‘suscita dúbidas, estimadas, extrapolando, potencialmente afectados, son moi posibles, posible apoio, poden diferir, poden ser problemáticas’ nos que se amparan os argumentos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, inclúese que non queda garantida a estabilidade das instalacións en caso de crecidas ou baixadas de nivel das augas, porén o Concello si trasladou o informe da empresa que constrúe a estrutura e no que se demostra e mesmo exemplifica esta estabilidade.

“Lamenta, alén, a Consellería de Medio Ambiente que non achegásemos os prazos da desmontaxe da plataforma, un aspecto polo que nunca antes preguntaran, e que, en todo caso, é de 2 días”.

“Tampouco é moi previsible que, en plena época estival, poida chegar a producirse unha riada, como insinuou a Xunta, e, en caso desa seca extrema que tamén prevé, ese estudio anual ao que xa nos obriga o permiso concedido nos revelaría con antelación a situación na que se atopa o río antes de proceder á montaxe da estrutura. Isto é outra cousa. É o non polo non, o non directamente a 25 anos de concesión que a Xunta quere zanxar de golpe, amarrándose ao estado que ofrece o Miño neste 2022, cando leva un 35% menos do caudal habitual, unha circunstancia que seguro variará cando se repare o caneiro da Aceña de Olga porque o seu arranxo contribuirá a reter a auga e a diminuír, por tanto, a velocidade das correntes”, explicou o portavoz municipal.

Miguel Fernández avanzou tamén que o Concello explora agora coa Confederación Hidrográfica a abordaxe da negativa da Xunta a que Lugo conte con praia fluvial e deixou claro que o Executivo de Lara Méndez seguirá dando pasos e pelexando para poder habilitala canto antes.

Audio

  • O edil de Medio Ambiente, Miguel Fernández, sobre que a Xunta, négalle aos lucenses a praia fluvial | Descargar mp3

Noticias relacionadas