Rubén Arroxo visita a renovación do alumeado da Fonte dos Ranchos

Nesta actuación múdanse máis de 60 luminarias, que permitirán reducir ata o 50% o consumo eléctrico

“Continuaremos a mellorar o alumeado da cidade mellorando a seguridade das rúas”, afirmou Rubén Arroxo

Xoves, 25 de marzo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Rubén Arroxo visita a renovación do alumeado da Fonte dos Ranchos

O Tenente de Alcalde, Rubén Arroxo, visitou, xunto con Alexandre Penas, Edil de Infraestruturas, Cristina López, concelleira de Participación e persoal técnico municipal, a obra de renovación do alumeado na zona da Fonte dos Ranchos, Doutor Ochoa e do primeiro treito da Avenida das Américas. O Tenente de Aclalde avanzou que “o proceso de instalación das novas luminarias está case concluído, unha vez remate, realizaranse as probas correspondentes e retirarase a infraestrutura antiga de alumeado, antes de dar por rematada a actuación”.

A actuación licitouse por 268.934€ e un prazo de execución de 3 meses.Mudaranse máis de 60 luminarias, o que permitirá unha redución de ata o 50% do consumo eléctrico con respecto ao actual, cumprindo igualmente con todas as indicacións do regulamento de eficiencia enerxética para alumeado exterior. Rubén Arroxo lembrou que "no último ano e medio realizamos un investimento de 2.450.000€ adicado á renovación do alumeado público da cidade, substituíndo elementos contaminantes utilizados nas instalacións antigas, como luminarias de vapor de mercurio, por luminarias LED de baixo consumo enerxético".

No último ano e medio desde a área de Mobilidade e Infraestruturas realizouse un investimento de 2.450.000€ adicado á renovación do alumeado público da cidade. Nas renovacións levadas a cabo, substituíronse elementos contaminantes utilizados na instalación antiga, como luminarias de vapor de mercurio, por luminarias LED de baixo consumo enerxético. “En todas as actuacións que realizamos temos en conta a perspectiva de xénero para incrementar e mellorar a visibilidade e a seguridade das rúas”, explicou Rubén Arroxo.

O Tenente de Alcalde lembrou que de cara ao orzamento de 2021, o plan de renovación de alumeado público en zonas urbanas e periurbanas conta cunha partida orzamentaria de 1.043.000€ que, segundo indicou Rubén Arroxo, servirán “para continuar mellorar a seguridade nas rúas, ao reducirse as zonas de sombra, ao mesmo tempo que reducimos o consumo enerxético e polo tanto o impacto ambiental e as emisións de CO2 á atmosfera”.

Audio

  • O concelleiro de Mobilidade e Infraestruturas, Rubén Arroxo, sobre o alumeado na Fonte dos Ranchos | Descargar mp3

Multimedia

  • Rubén Arroxo visita a renovación do alumeado da Fonte dos Ranchos

Noticias relacionadas