O PXOM de Lugo, a un paso de entrar en vigor este mesmo ano

A súa aprobación definitiva suporá un impulso á capacidade edificatoria en 70 núcleos do rural e o incremento dos servizos e dotacións públicas

Urbanismo dará traslado mañá á Xunta de Goberno da parte do proxecto que subsana a suspensión da tramitación do Plan, antes de levalo ao Pleno para ser validado pola Corporación

O Concello recibiu en xuño a documentación técnica do equipo redactor, que modificou o PXOM nos ámbitos afectados polo estudo hidrolóxico e hidráulico, de acordo cos informes favorables da Confederación Hidrográfica

Martes, 21 de xullo de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O PXOM de Lugo, a un paso de entrar en vigor este mesmo ano

A entrada en vigor da totalidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal chega xa á súa fase final. Este mesmo mércores, a área de Urbanismo Sostible dará traslado á Xunta de Goberno Local da parte do proxecto de revisión do PXOM que agardaba pola documentación técnica resultante do estudo dos mapas de perigosidade e risco de inundación, entregados polo equipo redactor o pasado mes de xuño.

“Un paso que nos permitirá seguir coa folla de ruta establecida sendo o noso obxectivo que no Pleno deste mesmo mes a Corporación valide a documentación que complemente á xa presentada en 2013 para dar solución definitiva ao 5% que ficaba pendente de aprobación”, explicou Miguel Couto.

Así, o edil puxo en valor a transcendencia de completar o Plan, “en tanto a súa culminación xerará importantes posibilidades para o crecemento do concello dunha forma ordenada e sostible. Por unha banda, permitirá completar o desenvolvemento urbanístico periurbano, coa creación de novos espazos públicos e a ampliación das dotacións comunitarias e dos servizos xerais pero suporá tamén un impulso á capacidade edificatoria nuns 70 núcleos do rural, actualmente esgotada, favorecendo o asentamento poboacional”, destacou.

Couto sinalou que as modificacións realizadas afectan a 11 ámbitos, 6 deles situados en zonas de expansión, 1 en solo rústico e 4 urbanizables. “Trátase de pequenas variacións que non implican alteracións cuantitativas nin cualitativas do modelo territorial que recolle o Plan Xeral validado provisionalmente en 2009, polo que, tal e como reflicten os informes dos técnicos municipais, resulta innecesario abrir un novo trámite de información pública”, abondou o concelleiro.

O responsable de Urbanismo Sostible indicou tamén que, “unha vez acadada a aprobación municipal do devandito proxecto e remitida posteriormente á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, esta, no prazo dun mes, examinará, con carácter previo, a integridade documental tanto do proxecto do Plan como do expediente e das actuacións administrativas realizadas. A partir de aí, a CMATV dispón de 3 meses para remitir o seu informe que, se fora favorable, permitirá ao Concello proceder á súa aprobación definitiva; un acordo que deberá ser publicado no DOG, no prazo dun mes dende a súa adopción, de cara a posibilitar a súa entrada en vigor”.

“Os tempos administrativos non son moi longos, por iso confiamos en que este mesmo ano poidamos anunciar que xa temos o 100% do PXOM”, apuntou o edil ao tempo que subliñou a importancia de finalizar o procedemento. “Cómpre ter en conta que os núcleos afectados se rexen, a día de hoxe, polo planeamento anterior o que implica certas limitacións á hora de outorgar novas licencias e, no caso das áreas de sólo urbanizable, como a que se atopa na contorna do HULA, esta parálise representa un freo no seu desenvolvemento”.

O Pxom de Lugo, paralizado en dúas ocasións pola Xunta

Miguel Couto aproveitou para lembrar que a Xunta deixou esta parte do PXOM en suspenso en dúas ocasións. “A primeira, hai 9 anos, no 2011, cando deu luz verde ao 95% restante do Plan Xeral, e logo no 2013 cun informe que, como avanzamos no seu día, era lesivo para os intereses de Lugo xa que foi efectuado fóra do establecido no procedemento administrativo”, sostivo o concelleiro.

No ano 2011, a Consellería de Medio Ambiente suspendeu o 5% establecendo consideracións en 70 núcleos rurais dos 300 que compoñen o municipio, e en 17 urbanizables dos 65 que contempla o PXOM.

Ante isto, o Concello de Lugo presentou nova documentación, que foi aprobada en Pleno en decembro de 2012, pero foi entón cando a Consellería de Medio Ambiente volveu paralizalo cun informe da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, no que solicitaba estudos Hidrolóxicos-Hidraúlicos dos ámbitos en suspenso. Sen embargo, comentou Couto, “ese trámite xa fora satisfeito polo Concello na fase de aprobación provisional obténdose un informe favorable da CHMS o 1 de setembro de 2008. Este informe estaba condicionado a unhas obrigas, pero en ningunha delas se sinalaba a necesidade destes estudos”, aclarou.

“Neste tempo, o Concello presentou os traballos requiridos á Confederación, que en marzo de 2019 emitiu un informe en sentido favorable, sobre o que o equipo redactor estivo a traballar para adaptalo ao PXOM.

Audio

  • O edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, sobre á aprobación do PXOM | Descargar mp3

Noticias relacionadas