O Goberno de Lara Méndez destina 153.000 euros á creación dun novo parque urbano e multifuncional na rúa Alcalde Xosé Novo Freire

O executivo municipal aprobou na Xunta de Goberno Local deste mércores a licitación das obras que contarán cun prazo de execución de dous meses e medio

Lara Méndez: “O obxectivo é ofrecer unha dotación máis moderna e accesible ao conxunto da cidadanía lucense e, en concreto, aos veciños e veciñas deste barrio”

A nova área de xogos terá unha superficie total de 574 metros cadrados e disporá de catro zonas diferenciadas: unha de xogos infantís, unha deportiva para adolescentes, unha zona de biosaudables para adultos e unha zona de descanso

Mércores, 14 de outubro de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Goberno de Lara Méndez destina 153.000 euros á creación dun novo parque urbano e multifuncional na rúa Alcalde Xosé Novo Freire

O executivo de Lara Méndez aprobou este mércores na Xunta de Goberno Local a licitación dos traballos para a creación dun novo parque urbano e multifuncional na Rúa Alcalde Xosé Novo Freire, que se instalará no lugar do xa existente, “co obxectivo de ofrecer unha dotación máis moderna, actual e accesible ao conxunto da cidadanía lucense e, en concreto, aos veciños e veciñas deste barrio”. Así o explicou a rexedora durante o acto de presentación do proxecto, no que estivo acompañada do edil de Medio Ambiente, Álvaro Santos.

As obras contarán cun orzamento de 153.525 euros e un prazo de execución de dous meses e medio. “Trátase dunha actuación coa que queremos continuar ampliando os espazos para uso público, dentro do noso modelo de cidade máis agradable, verde, cómoda e accesible. Ademais, cómpre sinalar que este será un punto de encontro para persoas de todas as idades, un espazo interxeracional e de convivencia”, apuntou Lara Méndez.

A nova área de recreo e deportiva terá unha superficie total de 574 metros cadrados e unhas dimensións aproximadas de 18,5 metros de ancho por 31 metros de largo. Así mesmo, contará con catro zonas diferenciadas:

  • Unha zona de xogos infantís, cunhas dimensións aproximadas de 16 x 18,5 metros. Esta contará con diferentes elementos de recreo e xogos inclusivos para nenos e nenas con mobilidade reducida.
  • Unha zona deportiva para adolescentes, cunhas dimensións aproximadas de 10 x 8 metros. Disporá dun circuíto de Street Workout, é dicir con diferentes estruturas destinadas ao exercicio físico ao aire libre.
  • Unha zona de máquinas biosaudables para adultos, cunhas dimensións aproximadas de 10 x 10,5 metros. Esta contará con diferentes aparatos de ximnasia, todos eles con estrutura de aceiro galvanizada.
  • E unha zona intermedia ou de descanso, cunhas dimensións aproximadas de 5 x 18,5 metros. Estará dotada de catro bancos de 2 metros de lonxitude, unha fonte de beber dobre e adaptada para persoas con mobilidade reducida, varias árbores e papeleiras.

Para a execución das obras levarase a cabo, en primeira instancia a eliminación da area existente. A continuación, procederase á realización dunha explanada sobre a cal se colocará un pavimento amortiguante, en toda a área de xogos infantís e céspede artificial; mentres que na zona deportiva para adolescentes e na zona de biosaudables colocarase unha moqueta estabilizante de fibra de polypropileno, rematada tamén con céspede artificial. Finalmente, na zona de descanso colocarase un pavimento de baldosa hidráulica semellante ao xa existente na beirarrúa.

A alcaldesa avanzou que “todos os xogos que se instalen nesta nova área de ocio contarán, evidentemente, coa pertinente garantía de seguridade, e buscarase que sexan funcionais, lúdicos, que fomenten a creatividade, o exercicio físico, a sociabilidade e a interacción entre persoas, sumando deste xeito un novo espazo para a convivencia dos veciños e veciñas, dende cativos a maiores”.

Neste senso, lembrou que “dende o goberno municipal estamos a facer un importante esforzo para renovar e mellorar as zonas de ocio e parques infantís da cidade, incluíndo a creación de novas áreas de esparexemento, para desfrute da veciñanza”.

Renovación e dotación de novos parques

Recentemente, o Concello renovou a área de xogos infantil do Parque Rosalía de Castro, onde se instalaron novos bambáns e elementos de xogo, cun investimento superior aos 20.000 euros. Tamén se realizaron obras de mellora na zona recreativa de Aquilino Iglesia Alvariño, por valor de 51.000 euros. As actuacións incluíron a substitución do valado perimetral e do pavimento de seguridade, ao tempo que se instalaron novos elementos de xogo.

Ademais, púxose en marcha un novo parque infantil na Praza de Bretaña, para o que se destinaron máis de 75.000 euros; e levouse a cabo a substitución do parque da Praza da Milagrosa, con preto de 21.000 euros, logo das obras de peonalización. Finalmente, cómpre lembrar tamén a ampliación dos parques infantís de Campo Castelo e Albeiros, cun investimento de 114.000 euros, dando resposta a unha importante demanda da cidadanía.

“Todas estas actuacións están encamiñadas a avanzar na humanización dos espazos públicos da cidade para poñelos a disposición dos veciños e veciñas, e orientadas cara o Lugo do futuro: unha cidade á vangarda en ámbitos como a sostibilidade ou a transición ecolóxica”, concluíu a alcaldesa.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, sobre a licitación do parque Novo Freire | Descargar mp3

Noticias relacionadas