O fenómeno Auryn, o rap de Los Chikos del Maíz e a esencial agrupación galega Treixadura, no San Froilán

A Concelleira de Cultura avanzou estes concertos na comisión de festexos, reunida hoxe por primeira vez tras a súa constitución no Pleno  

Xoves, 06 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Primeira reunión da comisión de festas

As festas de San Froilán contarán este ano entre os concertos musicais destacados co fenómeno Auryn, un quinteto madrileño de pop que arrastra a milleiros de mozos a cada unha das súas actuacións; Los Chikos del Maíz, un grupo valenciano de rap que combina nas súas letras denuncia ácida e sarcasmo; e coa esencial agrupación de música galega Treixadura, que actuará acompañada da coral Cantigas e Agarimos. A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, anunciou os tres concertos na Comisión Especial de Festas, que se reuniu este xoves por primeira vez tras a súa constitución no Pleno de hai unha semana.

Formado no verán do ano 2009, Auryn acadou unha gran proxección grazas ás redes sociais e á súa participación en distintos programas televisivos. Está formado por Álvaro García-Gango, Blas Cantó, Daniel Fernández, Carlos Pérez e David Martín. Con tres traballos discográficos na rúa, e milleiros de discos vendidos e de descargas na Rede, o concerto de outubro en Lugo será un dos poucos que ofrecerá na comunidade galega este ano.

Los Chikos del Maíz é un grupo de rap valenciano formado por Nega, Toni El Sucio e o DJBokah, que aborda temas como a situación laboral ou a escena hip hop en España. O grupo caracterízase por letras con acidez, nas que o sarcasmo se entrelaza coas referencias literarias, cinematográficas, políticas e da cultura popular. O nome do grupo provén dun dos relatos dun libro de Stephen King, chamado Children of the Corn (Los chicos del maíz), do que se adaptou unha serie de películas de terror.
Treixadura leva 25 anos deleitando coa súa música tradicional galega baseada no canto e a gaita. Cunha personalidade musical irrepetible acumula centos de concertos, ten 6 discos no mercado e unha variada gama de colaboracións discográficas. Ao longo da súa traxectoria rescatou moitas melodías do anonimato e creou outras tantas para que a cadea de transmisión da música tradicional continúe viva.
Tal e como destacou a edil de Cultura, as tres agrupacións foron solicitadas ao Concello por numerosas persoas a través das redes sociais.

Membros da comisión

Tras a constitución no Pleno hai unha semana, este xoves reuniuse por primeira vez a comisión de festas, que formaron a Alcaldesa en funcións, Ana Prieto, os concelleiros de Cultura e Deportes, Carmen Basadre e José Manuel Díaz Grandío, respectivamente; Encarnación Amigo, Antonio Ameijide e Isabel Devesa, polo Partido Popular; María Cristina Pérez Herráiz, por Lugonovo; Tareixa Ferreiro, polo BNG; Olga Louzao, por Ciudadanos; e Carlos Portomeñe, por ACE. A próxima reunión da comisión terá lugar o 18 de agosto.

Audio

  • A concelleira de Cultura sobre as festas do San Froilán |Descargar mp3

Noticias relacionadas