O Concello ultima esta fin de semana o traslado das persoas sen teito do polideportivo municipal ao Fogar do Transeúnte

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a edil Olga López agradeceron ao equipo de voluntarios da Cruz Vermella que colaborou co concello o “seu enorme labor de apoio”

O pavillón acolleu a ao redor de 42 persoas diarias cunha media de idade entre 30 e 54 anos, e máis do 60% procedían doutros municipio como Santiago,  Ourense e A Coruña

Ademais de ofrecerlle aos usuarios aloxamento, comida e asistencia, traballouse na súa inserción social laboral e algún deles saíu das instalacións xa cun emprego

Sábado, 20 de xuño de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello ultima esta fin de semana o traslado das persoas sen teito do polideportivo municipal ao Fogar do Transeúnte

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada da edil de Benestar, Olga López, e do presidente do comité provincial da Cruz Vermella, Luis Abelleira, achegáronse no día de onte as instalacións do pavillón polideportivo municipal que habilitou o Concello de Lugo o pasado 27 de marzo de maneira provisional para reforzar as instalacións do Fogar do Transeúnte, que se viu desbordado para atender ás persoas sen teito durante o confinamento. A súa visita foi para agradecerlle persoalmente ao equipo de voluntarios da Cruz Vermella, entidade que colaborou co concello na atención dos usuarios, o seu “enorme labor de apoio e a súa implicación”, sostivo a rexedora.

O Concello de Lugo ultimará esta fin de semana o traslado dos usuarios ao Fogar do Transeúnte e a recollida dos equipamento que se instalaron para que o pavillón poida recuperar o seus usos deportivos.

Unha vez recuperada a mobilidade tras o confinamento, moitas destas persoas volven ao seu lugar de orixe e o Fogar pode xa dar cabida aos usuarios coas garantías de protección e os espazos de seguridade necesarios.

O polideportivo municipal foi xestionado por un equipo da Cruz Vermella tras un convenio asinado co Concello de Lugo. Foron voluntarios, traballadores sociais e técnicos de montaxe de emerxencias que “contaron cun estrito protocolo de atención médica co fin de previr o contaxio da pandemia, acadando cero contaxios durante os case 3 meses nos que o inmoble cambiou de uso”, destacou a alcaldesa.

O pavillón acolleu ao redor de 42 persoas diarias, cunha media de idade entre 30 e 54 anos de idade, e en total pasaron polo polideportivo habilitado 77 usuarios. Entre eles había persoas sen teito de Lugo, pero tamén de localidades da provincia que non dispoñen deste tipo de instalacións e incluso doutras grandes cidades como Santiago,  Ourense,  A Coruña, e mesmo de Bilbao e Madrid.

Ademais, acolleu a inmigrantes, persoas subsidiarias de protección internacional pendentes de valoración e refuxiados pendentes de recibir axuda de asociacións como ACEN. “Boa parte destas persoas non cubrirían o perfil dos sen teito, usuarios en condicións normais do Fogar de Transeúnte, pero isto non se tivo en conta xa que a prioridade foi evitar que alguén se puidese ver na rúa nunha situación de risco sanitario”, segundo destacou a edil Olga López.

Durante os tres meses de confinamento, os usuarios recibiron aloxamento, comida e vixilancia sanitaria, pero tamén se prestou un servizo que transcendeu os labores puramente asistenciais, sendo integral para conseguir o seu reincorporación na sociedade. Algún deles conseguiu saír deste albergue provisional xa cun emprego.

A valoración destes tres meses foi moi positiva xa que a convivencia para os propios usuarios, dun perfil bastante solitario, foi todo un reto e transcorreu sen apenas conflictividade. Os voluntarios da Cruz Vermella trasladaronlle á rexedora que este tempo tamén servirá para que os traballadores sociais coñezan mellor as necesidades deste colectivos tan vulnerables, “xa que houbo unha convivencia moi estreita de 24 horas diarias con eles, o que nos permitirá realizar agora un traballo máis adaptado. Seguimos tendo un gran tarefa por diante para poder axudarlles”.

O Concello de Lugo iniciou en marzo o dispositivo de traslado ata o pavillón, no que se habilitaron camas, baños e duchas, así como unha zona de enfermería e áreas de lecer, tanto interiores como exteriores, para satisfacer as necesidades materiais e de convivencia daquelas persoas que se enfrontaban ás medidas de illamento decretadas e que teñen menos recursos para superar esta situación de risco.

Noticias relacionadas