O Concello traballa en regularizar a situación do aparcadoiro da Praza de Viana do Castelo, que debe 3.000€ do canon

Na Comisión de Contas trasladouse aos grupos da oposición que a rescisión do contrato podería ser moito máis custosa para as arcas municipais

O Goberno lembrou que a construción e as condicións do contrato, que son as que rexen na actualidade, aprobáronse na etapa do Goberno popular en Lugo

Os servizos municipais foron reclamando as débedas á concesionaria vía recadación executiva

Venres, 25 de xaneiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo traballa na regularización da situación do aparcadoiro público situado na Praza Viana do Castelo pola falta de pagamento do canon por parte da empresa concesionaria Valcor Invest, débeda que ascende a 3.000 euros pendentes de cobro. Así llo transmitiu o Goberno aos grupos de oposición na Comisión de Contas celebrada este venres, aos que aclarou que o fin básico desta concesión, que é cumprir co servizo de estacionamento, non se incumpriu.

O Executivo sostivo que a alternativa á falta de pagamento reclamada polo PP, que é rescindir o contrato, podería ser moito máis custosa para as arcas municipais xa que esta vía debe estudarse sempre desde a consideración do interese público xeral.

Durante a Comisión, quedou patente que non cabe a declaración automática de caducidade do contrato xa que deben contemplarse todos os factores que poidan concorrer, como é o custo da construción do aparcadoiro, que pode comportar unha indemnización millonaria por parte do Concello, polo que é importante aplicar o principio de proporcionalidade.

O Goberno lembra que a construción e a concesión deste aparcadoiro realizouse cando gobernaba o PP en Lugo con Joaquín García Díez como Alcalde, e que as condicións que rexen o contrato da actual concesionaria son as mesmas que as do contrato inicial. Neste contrato non se prevía un número concreto de reservas para residentes en concesión permanente, nin se impoñía un número de empregados á empresa, que foron dúas das cuestións expostas na comisión por parte da oposición. Tamén se lles aclarou que o contrato primixenio, que é o segue rexendo, fixa que é a concesionaria quen establece os horarios do aparcadoiro.

Ademais, o Executivo aclarou que os servizos municipais foron reclamando as débedas á concesionaria vía recadación executiva.

Noticias relacionadas