O Concello realiza tarefas de roza e mantemento do mobiliario urbano na cidade a través do programa Conserva Lugo

Daniel Piñeiro visitou aos traballadores que están a realizar estas actuacións, que na actualidade atópanse na Milagrosa e no entorno do Pazo de Feiras e Congresos

Domingo, 02 de outubro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello realiza tarefas de roza e mantemento do mobiliario urbano na cidade a través do programa Conserva Lugo

O Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, comprobou de primeira man os traballos de mantemento que o Concello está a realizar na cidade, unha tarefas que realizan os traballadores contratados grazas ao programa Conserva Lugo, que nestes momentos, están reparando o mobiliario urbano no barrio da Milagrosa e rozando o entorno do Pazo de Feiras e Congresos.

Este programa impulsa a inclusión laboral de 20 desempregados en situación de risco ou exclusión social, perceptores da Renda de Integración Social de Galicia (RISGA), nas brigadas de obra municipais, durante 7 meses, para o que foron contratados 16 peóns, 3 oficiais e 1 encargado.

Daniel Piñeiro visitou aos dous equipos de traballadores deste programa. Un deles atopábase reparando os bancos da Praza da Milagrosa, concretamente repoñendo as partes deterioradas, pulíndoos e dándolles unha capa de verniz. Está previsto que en breve se rematen estas labores de conservación nesta praza, polo que a continuación continuarán realizando estes traballos pola Avenida da Coruña.

O outro equipo de traballadores estaba a realizar a roza das inmediacións do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. Os operarios, que xa realizaron tarefas de desbroce noutros puntos da cidade, atópanse acondicionando este entorno natural á beira do Río Miño.

O programa Conserva Lugo permitirá realizar todo tipo de actuacións encamiñadas tanto á conservación e mantemento do mobiliario urbano como á adecuación dos espazos públicos da cidade. Ademais con este programa, o Concello mantén a súa prioridade de investir nas persoas, xa que busca facilitar a inserción laboral de desempregados lucenses.

Multimedia

  • O Concello realiza tarefas de roza e mantemento do mobiliario urbano na cidade a través do programa Conserva Lugo

Noticias relacionadas