O Concello implanta unha plataforma Smart que aunará os datos estratéxicos da cidade sobre os que asentará a toma de decisións municipais

A Xunta de Goberno adxudicará mañá a licitación para a subministración do sistema por importe de 251.585 €.

A súa posta en marcha suporá un salto cualitativo na interoperabilidade da Administración local que, co fin de mellorar os servizos públicos, se nutrirá da información de todos os dispositivos tecnolóxicos habilitados.

A iniciativa, enmarcada na Estratexia Dusi – Muramiñae, obedece ao impulso dado pola rexedora, Lara Méndez, en prol da modernización tecnolóxica da Institución.

Martes, 19 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello implanta unha plataforma Smart que aunará os datos estratéxicos da cidade sobre os que asentará a toma de decisións municipais

A sensórica instalada nos colectores de reciclaxe, na iluminación pública, nas prazas de estacionamento ou mesmo nas cámaras de tráfico, etc, son unha poderosa ferramenta para a obtención de información sobre os hábitos e comportamentos da cidadanía que o Executivo de Lara Méndez quere aproveitar para incrementar a eficacia das prestacións municipais.

Así, a Xunta de Goberno adxudicará mañá a subministración dunha plataforma Smart de xestión integral que aunará todos eses datos estratéxicos da cidade e sobre os que se asentará a toma de decisións coas que a alcaldesa quere dar resposta ás necesidades da veciñanza, en base ao modelo de crecemento sostible que deseñou para Lugo.

A licitación, da que se fará cargo Telefónica Soluciones de Informática y Comunicaciones por un importe de 251.585 euros, terá un prazo de 12 meses para a súa instalación e outro de 2 anos para o soporte e mantemento, que poderá ser ampliado ata as 4 anualidades.

A propia rexedora explicou que “esta Plataforma é unha solución tecnolóxica que nos permitirá realizar unha xestión máis eficiente na prestación dos servizos públicos e que mesmo contribuirá a definilos novamente buscando unha reconsideración das relacións coa poboación, o resto de entidades e mesmo co tecido produtivo”.

O novo sistema permitirá conectar todos os elementos e módulos habilitados, así como que se instalen proximamente e que interveñen na captura, tratamento, análise e publicación de información municipal, facilitando a súa conexión con outros sistemas actualmente operativos e mellorando a accesibilidade e a participación cidadá.

“De maneira que, logo de avalialos, as conclusións que saquemos nos permitirán abrir novas canles de comunicación, propiciando o coñecemento transversal do estado dos servizos públicos e incrementando a súa capacidade de resposta así como a inmediatez das intervencións que se programen”, engadiu Lara Méndez ao tempo que afirmou que “se trata dun salto cualitativo para a interoperabilidade do Concello no que se tivo en conta, especialmente, a súa integración coas solucións informáticas das que xa dispoñemos”, concluíu a alcaldesa.

Esta actuación se enmarca na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% polos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da Unión Europea e ao 20% polo Concello de Lugo.

Noticias relacionadas