O Concello expón a Finsa o novo modelo productivo que impulsa a través do Life utilizando a madeira como material de construción

Xoves, 22 de marzo de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello expón a Finsa o novo modelo productivo que impulsa a través do Life utilizando a madeira como material de construción

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, xunto a técnicos municipais visitaron este xoves as instalacións da empresa Finsa en Santiago co fin de expoñerlle o novo modelo productivo que o Concello está a impulsar a través do programa europeo Life, o Lugo+Biodinámico, baseado na utilización da madeira como elemento estrutural de construción. Esta viaxe enmárcase na vontade do Goberno local de artellar sinerxias co tecido empresarial dedicado ao sector madeireiro para conseguir os obxectivos do Life.

Co plan Lugo+Biodinámico, o Concello sitúase á vangarda da planificación urbana sostible e dun mellor aproveitamento forestal, o que aumentará a calidade de vida da veciñanza e abrirá novas oportunidades económicas.

Entre as actuacións xa iniciadas deste programa a día de hoxe está a plantación nas Gándaras dun arboretum de medio milleiro de exemplares de 55 especies distintas de árbores e arbustos auctóctonos, representativas de todos os bosques de Galicia. Trátase dun proxecto pioneiro na comunidade, que creará un espazo de divulgación e participación aberto de maneira libre e gratuíta á comunidade educativa e científica e á sociedade lucense en xeral.

Ademais, tamén se plantaron frondosas autóctonas e especies de alta rendibilidade enerxética, así como un souto de castiñeiros autóctonos en terreos públicos situados nas Gándaras e O Ceao.

Entre os proxectos previstos, figura a construción dun edificio de madeira con consumo enerxético cero.

Lugo+Biodinámico conta cun orzamento de 3,5 millóns de euros, achegados nun 50% polo plan europeo Life e noutro 50% polo Concello, Deputación, Universidade de Santiago e Universidade Politécnica de Madrid. O obxectivo é desenvolver novidosas actuacións en favor dun urbanismo sostible e dun mellor aproveitamento da riqueza forestal, a nivel económico e ambiental, o que mellorará a calidade de vida dos veciños e veciñas, fará de Lugo unha cidade máis verde e abrirá novas oportunidades económicas aproveitando a madeira como elemento estrutural construtivo.

Noticias relacionadas