O Concello de Lugo tende a man á Xunta para prorrogar a data de inicio das obras na Residencia ante a inminente caducidade do prazo establecido na licenza

A alcaldesa aclara que o único trámite pendente entrámbalas dúas administracións é que a Xunta pague as taxas para poder conceder a licenza de demolición da lavandería e a central térmica

Venres, 22 de novembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo tende a man á Xunta para prorrogar a data de inicio das obras na Residencia ante a inminente caducidade do prazo establecido na licenza

A alcaldesa, Lara Méndez, acompañada polo edil de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, visitaban hoxe o barrio da Residencia co fin de comprobar como está a avanzar o proxecto para a construción do Centro Integral de Saúde.

Lara Méndez puxo de manifesto que o Concello de Lugo ten a man tendida á administración autonómica para axilizar ao máximo posible a creación desta nova dotación sanitaria e anunciou que a institución local vén de conceder a licenza para a futura sede da Escola de Enfermeiría que – adiantou – aprobarase na vindeira Xunta de Goberno.

Á súa vez, sinalou que, “nestes momentos, o único trámite que queda pendente entrámbolos dous organismos é que o executivo galego abone as taxas de demolición da lavandería e a central térmica, paso imprescindible, para que o Concello outorgue a licenza”, clarificou a alcaldesa.

A rexedora e o concelleiro de Urbanismo acudían á zona xunto á conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para interesarse pola evolución dos traballos nas antigas instalacións do Vello Xeral xa que o prazo estipulado para que a Xunta poida iniciar as obras, dende que foron autorizadas, está a piques de esgotarse, “un permiso que, se a Xunta o considera necesario, procedermos a ampliar”, concluíu Lara Méndez.

Audio

  • A alcaldesa Lara Méndez, sobre a visita ó Barrio da Residencia | Descargar mp3

Noticias relacionadas