O Concello de Lugo realizou en 2019 un gasto medio por habitante próximo aos 800 €

A Conta Xeral foi aprobada hoxe en Pleno dentro do prazo legal establecido que, polos condicionantes que impuxo a pandemia, se prorrogou até este venres, 22 de xaneiro

O balance sinala unha execución, nese exercicio, do 90% do investimento comprometido

A Administración local mantivo ese ano a débeda financeira a cero e rebaixou ata un terzo o período medio de pago a provedores, que se situou nos 10’4 días

Mércores, 20 de xaneiro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo realizou en 2019 un gasto medio por habitante próximo aos 800 €

Os padróns fiscais recoñeceron 89 millóns de euros de recadación, un saldo tributario que se axusta ao 97’82% da estimación inicial. A 31 de decembro máis do 84% xa fora ingresado.

O Concello de Lugo aprobaba esta mañá, durante a celebración dun Pleno Extraordinario, a Conta Xeral de 2019, axustándose así aos prazos establecidos ao efecto que foran prorrogados até este venres, 22 de xaneiro, debido aos condicionantes que impuxo a pandemia.

Un balance que, como sinalou a edil de Gobernanza durante a súa intervención, certifica que a Administración local executou ese ano o 90% do investimento comprometido.

Na súa exposición, a concelleira referiu que en 2019 a institución efectivizou o pago de 78’4 millóns de euros dos 86.864.498’99 € que se adxudicaron.

“É dicir, empregamos máis do 75% dos fondos dispoñibles (114.841.121’04 €) e os executamos nun 90’25%. Cartos que serviron para facer fronte ao pagamento dos bens e servizos nos que se sustentan todas as prestacións municipais (abastecemento de auga, recollida de lixo e limpeza viaria, iluminación pública, axudas de alugueiro e emerxencia social, funcionamento dos centros de convivencia, actividades de dinamización en xeral, programación cultural e de ocio, reparacións de firme, etc...) pero cos que tamén atendemos os custos de persoal e se sufragan os proxectos licitados”, indicou.

Pese a que en 2019 os orzamentos estaban prorrogados e carecían de capítulo de investimentos reais o Concello realizou un gasto medio por habitante de 795’46 €, case 100 euros máis respecto ao ano anterior.

Nese senso, Paula Alvarellos lembrou que “en 2019 tivemos un orzamento prorrogado e, polo tanto, carente do capítulo de investimentos reais. Sen embargo, a solvencia económica da que dispoñemos nos permitiu incorporar 34.677.523’69 euros dos remanentes de tesourería cos que, en boa parte, se consignaron diferentes procedementos hoxe xa, obras tanxibles e reais que previamente precisaban da habilitación de crédito” e aludiu, como exemplo, á humanización de Quiroga Ballesteros, ao repintado da sinalización horizontal da cidade, ás reformas nos Centros de Convivencia, á pasarela sobre a N VI, ou ao novo parque infantil da Praza de Bretaña e outras melloras nas zonas de xogo da cidade, así como ao abastecemento de auga en varias parroquias do rural, á mellora da drenaxe en distintos puntos da cidade... etc, “incrementando o gasto por habitante até os 795’46 €, case cen euros máis que o ano anterior cando esa cifra se situou nos 700€”.

A incorporación de novos protocolos internos permitiu axilizar o pagamento de facturas e diminuír até os 10’4 días o PMP.

A responsable de Gobernanza avanzou igualmente que os indicadores económicos que reflicte a Conta Xeral ratifican a suficiencia financeira do Concello e nomeou variables como a solvencia a curto prazo, que se sitúa no 447’90% ou a liquidez inmediata, calculada no 225’15%.

“Isto propiciou tamén que durante 2019 puidéramos rebaixar o Período Medio de Pago a Provedores até os 10’4 días de media, cando a marxe legal son 30, reducíndoa practicamente a un terzo”, engadiu.

A recadación tributaria, que supera os 89 millóns de euros, axustouse nun 97’82% á súa estimación inicial.

Xa por último, a edil fixo mención ao capítulo de ingresos, sinalando que o 2019 arroxou un saldo de 89.114.300’19€ en dereitos recoñecidos, que se axustou nun 97’82% á estimación inicial prevista.

“Inclúense nestas partidas os impostos directos e indirectos e tamén as taxas e prezos públicos, as transferencias correntes ou os ingresos patrimoniais. De todos eles, só o 16% quedou pendente de cobro a 31 de decembro”, abondou.

Paula Alvarellos facilitou tamén as cifras dos tributos máis cuantiosos para as arcas municipais como pode ser o IBI (21.608.342’26 €) ou o imposto de circulación (5.861.865’33 €), que supoñen o 24’7% e o 6’71%, respectivamente, dos ingresos totais e tamén a máis simbólica como é o gravame dos quioscos que ascendeu a 220’60€.

“En definitiva – resumiu a concelleira de Gobernanza - trátase dunha Conta Xeral que, unha vez máis, pon de manifesto que o Concello de Lugo é unha administración solvente, saneada, que amosa un balance positivo e que ademais traballa e se esforza cada ano, para mellorar os indicadores económicos que así nos definen”.

Agradecemento ao persoal municipal

Alvarellos Fondo aproveitou para enxalzar o labor das e dos técnicos municipais da área Económica que, “sen desatender o resto de tarefas ordinarias que teñen encomendadas, como é a elaboración desta Conta, presentada en tempo e forma - o que tamén evidencia o seu bo facer - atenderon igualmente ás prioridades determinadas pola alcaldía, nun ano especialmente complexo, no que amosaron un compromiso absoluto co esforzo que neste 2020 fixo a administración para axilizar o pagamento de facturas e dotar de liquidez, en plena pandemia, ao tecido produtivo local”, concluíu a edil.

Audio

  • A edil de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a aprobación da Conta Xeral 19 | Descargar mp3

Noticias relacionadas