O Concello de Lugo constituirá este luns a Xunta de Goberno Local do vindeiro mandato

Na sesión, de carácter extraordinario, se determinará entre outros asuntos, o número de asesores que apoiarán a cada grupo municipal durante os próximos catro anos.

Logo deste trámite, celebrarase tamén o Pleno de Organización da Corporación no que xa quedará establecido o réxime de sesións e o gasto político.

Venres, 23 de xuño de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo constituirá o vindeiro luns a Xunta de Goberno Local deste próximo mandato que, como nos últimos anos, manterá a súa sesión os mércores ás 10:00 horas.

O órgano estará presidido pola rexedora e integrado polos tenentes de alcaldesa Rubén Arroxo, Miguel Fernández, Paula Alvarellos, Maite Ferreiro, Mauricio Repetto, Ana Abelleira e Cristina López.

Alén deste acordo, o Executivo municipal aprobará igualmente a contratación dun total de 19 asesores – dos 25 que permite a lei - para os diferentes grupos municipais da Corporación, a razón de 10 para o PSOE e 6 para o BNG e 3 para o PP, o que supón un traballador máis con relación ao pasado mandato.

A continuación deste trámite, o luns tamén, celebrarase o Pleno de Organización da Corporación no que quedará establecido o réxime de sesións, que seguirá a celebrarse o último xoves de cada mes, e o gasto político.

A respecto desta última cuestión, o Goberno local autorizou un incremento do mesmo entorno ao 13’5% con relación ao exercicio en curso, de maneira que os salarios dos concelleiros sube para equipararse ao básico dun/ha xefe/a de servizo (pasaría de 48.400 € a 53.400€), mentres que os do/as asesore/as se igualan tamén, segundo categorías, aos dun/ha administrativo/a, un/a técnico/a medio e un/ha técnico/a A1.

O principal aumento obedece á asignación dos grupos políticos, que recupera os valores de 2011 logo da diminución acordada no mandato 2015 – 2019, pasando, no seu conxunto de 17.300 € ao mes a 24.000 €.

Pola súa parte, o salario de alcaldesa, cuxo tope legal estaría establecido – segundo as características do municipio – en 87.000 euros – se manterá nos 74.000€.

Noticias relacionadas