O Concello brinda unha recepción oficial aos participantes no 3º Campionato de España de Escalada que se celebra en Lugo

A proba, para as categorías Individual e por Seleccións Autonómicas terá lugar, dende hoxe e até o domingo, no Rocódromo do Pazo de Feiras e Exposicións.

A rexedora, Lara Méndez puxo en valor as intalacións, nas que o Concello investiu 70.000 €. “Queremos que Lugo sexa un municipio de referencia no panorama nacional deste deporte”, afirmou.

Xoves, 22 de xullo de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello brinda unha recepción oficial aos participantes no 3º Campionato de España de Escalada que se celebra en Lugo

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e o edil de Deportes, Mauricio Repetto, recibiron esta tarde, no Concello, nun acto oficial, aos seleccionadores e representantes das diferentes Federacións autonómicas e da Federación Española de deportes de montaña e escalada, que estes días participan no 3º Campionato de España Individual e por Seleccións Autonómicas de Escalada en Idade Escolar 2021, que se celebra en Lugo.

A rexedora, que enviou varios agasallos institucionais ás e aos deportistas, aproveitou o encontro para dárllela benvida á cidade, e desexarlles que desfrutaran da súa estancia na capital ademais de moita sorte para a competición, que terá lugar no Rocódromo do Pazo de Feiras e Exposicións.

“Unhas instalacións nas que o Concello investiu 70.000 euros e que sitúan a Lugo como municipio de referencia no panorama nacional deste deporte que conta con máis de 100.000 licenzas en España, das que máis de 5.000 proceden de Galicia”, lembrou a rexedora que enmarcou a creación do recinto na “necesidade de dispoñer dunha dotación ‘indoor’ que permita desenvolver actividades de montaña nun espazo controlado e que dende hai xa dous anos puxemos a disposición da veciñanza lucense porque queremos que Lugo sexa un destino atractivo e tamén escenario de citas deportivas tan importantes coma esta na que os máis novos talentos nos amosarán o resultado do traballo realizado durante toda a tempada, xunto aos seus técnicos, para evolucionar no deporte da escalada camiño cara ao máis alto nivel”, destacou Lara Méndez.

Na recepción, celebrada hoxe, participaron o Presidente da Federación Española de Deportes de Montaña e Escalada (FEDME), Alberto Ayora Hirsch, o Vogal de Deporte en idade escolar da FEDME, José Miguel García de la Torre e o Director Técnico da FEDME, Lluis Giner Arnabat así como un representante ou presidente das Federacións Autonómicas de Castela e León, Canarias, Asturias, Castela a Mancha, Madrid, Extremadura, País Vasco, Valencia e Andalucía.

Pola Federación Galega de Montañismo participou no acto o Presidente, Adolfo Puch, o Vicepresidente Económico, José Miguel Merino Encinas, o Delegado Provincial en Lugo, Roberto Morís Fernández e o Director Técnico do Campionato, José Manuel Pérez Prego.

Multimedia

  • O Concello brinda unha recepción oficial aos participantes no 3º Campionato de España de Escalada que se celebra en Lugo
  • O Concello brinda unha recepción oficial aos participantes no 3º Campionato de España de Escalada que se celebra en Lugo

Noticias relacionadas