O Concello anima aos emprendedores do programa Inicia Coworking a aproveitar sinerxias cunha xornada deportiva

A Alcaldesa e a Concelleira de Economía compartiron cuns 30 lucenses que están lanzando o seu negocio a Carreira do Emprendedor, unha sesión de spinning para fomentar o espírito colaborativo e o traballo en equipo

A actividade forma parte de Inicia Coworking, que, froito da colaboración entre o Concello e a Escola de Organización Industrial, ofrece de xeito gratuíto aos emprendedores apoio integral para poñer en marcha con éxito a súa empresa

Venres, 07 de abril de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello anima aos emprendedores do programa Inicia Coworking a aproveitar sinerxias cunha xornada deportiva

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, participaron este venres xunto con uns 30 lucenses que están lanzando o seu negocio na xornada A Carreira do Emprendedor, unha iniciativa que organizou o Concello, a través do CEI-Nodus, no marco do programa Inicia Coworking. Consistiu nunha sesión deportiva de spinnig co obxectivo de fomentar o espírito colaborativo e o traballo en equipo entre os emprendedores e aproveitar sinerxias para mellorar as posibilidades de éxito.

A xornada de motivación simulou as diferentes sensacións e etapas polas que adoita pasar un emprendedor: ilusión, expectativa, subidas, baixadas, cansanzo ou incerteza. Cada participante levou unha camiseta cunha palabra ou lema cos que se sinte identificado como emprendedor: loitadora, dinamizadora, constancia, motivación, carpe diem, persuasivo, persistente, coopera ou hai que crer, entre outras. O monitor Antonio Fontao ocupouse de conducir a sesión, que se celebrou grazas á colaboración desinteresada de AB Fitnes e o seu dono, José Durán. Asistiu tamén a presidenta de AJE Galicia, Carmen José López, ademais de representantes de empresas que arrancaron no CEI-Nodus.

O programa Inicia Coworking, froito da colaboración entre o Concello e a prestixiosa Escola de Organización Industrial (EOI), está dotado con 800.000 euros e o seu obxectivo é ofrecer de xeito gratuíto a máis de 260 lucenses un apoio integral, individual e personalizado para poñer en marcha con éxito a súa empresa, asegurando a súa viabilidade, tanto técnica, como financeira. Inclúe 17 talleres, formación grupal, mentorización e eventos.

A día de hoxe, 22 emprendedores lucenses están recibindo este apoio para poñer en marcha os seus proxectos, sobre todo vinculados coas novas tecnoloxías, turismo e consultorías.

Noticias relacionadas