O Concello advirte de que continúan a detectarse posibles estafas sobre os controis analíticos da auga de consumo en vivendas

Martes, 12 de decembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa

O Concello de Lugo advirte de que poderían estar a reiterarse as posibles estafas denunciadas sobre os controis analíticos da auga de consumo en vivendas, logo das queixas cidadás que se están a canalizar a través do 010, alertando de que “comerciais  dunha compañía contratada polo Concello”, visitaron os seus domicilios para realizar tomas de mostras da auga de consumo dentro dos mesmos e tomar todo tipo de datos relativos ás personas que residen nas citadas vivendas.

O edil de Transición Ecolóxica advertiu que “en ningún caso, o Concello, nin a empresa Gestagua, son responsables desta campaña. Os controis analíticos preceptivos lévanse a cabo de acordo coa normativa vixente por parte dunha empresa acreditada a tal fin e en ningún caso se toman mostras dentro de domicilios particulares, moito menos sen a debida acreditación da identidade”. Miguel Fernández incidiu, así mesmo, “na calidade da auga da traída de Lugo, que é apta para o consumo e cumpre sobradamente con todas as garantías necesarias”.

Dende a administración local alértase, polo tanto, á cidadanía do acontecido “para que tomen as debidas precaucións e impedir a entrada no seu domicilio a estos falsos representantes”, engadiu Fernández. O concelleiro lembrou tamén que “por actuacións similares no pasado,  podería tratarse de empresas comercializadoras de equipos de depuración domésticos; o “modus operandi” das mesmas consiste en tomar mostras, que someten a un falso análise, consistente en enturbiar a mostra e convencer ao usuario da necesidade de adquirir o correspondente equipo de depuración, que ten un alto custo, sin ser necesario.

Dende o Concello insístese de que calquera que sea o fin que persiguen, é fraudulento e completamente alleo á institución municipal.

Noticias relacionadas