O Concello abre a convocatoria para o uso dos locais das dúas casas de asociacións

A Xunta de Goberno aprobou as bases polas que se regula a autorización de dito uso. Cederase un local por entidade, por unha duración dun ano, prorrogable ata un máximo de tres

Na sesión deste mércores tamén se aprobou, de xeito inicial, o expediente para adscribir uns terreos a favor do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e destinalos á construción dunha nova Escola de Educación Infantil

Mércores, 22 de febreiro de 2017
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello abre a convocatoria para o uso dos locais das dúas casas de asociacións

A Xunta de Goberno celebrada este mércores aprobou as bases xerais polas que se regula a autorización do uso en precario de locais e instalacións das dúas casas de asociacións de interese social do Concello, Clara Campoamor e María Mariño. O voceiro do Goberno, Miguel Fernández, explicou que soamente se admitirá unha solicitude por entidade. Así mesmo, cederase un local por entidade, por unha duración dun ano, prorrogable ata un máximo de tres, onde os colectivos poden desenvolver os seus programas e actividades. O prazo de presentación de solicitudes é de 20 días hábiles dende a publicación de ditas bases no Boletín Oficial da Provincia.

A Casa Clara Campoamor, situada na Avenida Infanta Elena 11, conta con 7 locais, un ximnasio e unha sala biblioteca e a María Mariño, en Monte Faro 2, con 13 locais, un salón de actos, unha sala polivalente e unha sala de recepción.

Por outra banda, na sesión deste mércores, tal e como anunciou onte a rexedora, aprobouse, de xeito inicial, o expediente de mutación demanial subxectiva para adscribir uns terreos a favor do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, e destinalos á construción dunha nova Escola de Educación Infantil, dividida en 6 unidades e con 82 prazas. Trátase duns terreos de 3.800 metros cadrados, dunha parcela de 6.032m2, cualificada como Equipamento Comunitario no PXOM. Dito terreo contará cun fronte de 76 metros que dá a unha rúa de nova apertura, paralela á Avenida Paulo Fabio Máximo, e un fondo de 50 metros. Esta mutación subxectiva, é dicir, cambiar a titularidade dun ben sen modificar o seu destino público, terá unha duración de 25 anos prorrogables outros 25 máis. Dito expediente someterase a exposición pública 20 días hábiles dende a publicación no BOP e no taboleiro de edictos do Concello.

Audios

  • Miguel Fernández, sobre o uso dos locais das casas de asociacións |Descargar mp3
  • Miguel Fernández, sobre o terreo para a gardería |Descargar mp3

 

Noticias relacionadas