O Arde Lvcvs 2015 deixou uns 6 millóns de euros en Lugo e ata un 98% de ocupación hoteleira

A festa de ambientación histórica, que concentrou a unhas 600.000 persoas, “é un motor imprescindible para axudar ao desenvolvemento da nosa cidade e para que cada vez máis xente nos coñeza e visite”, subliñou Carmen Basadre

O Concello retomará de inmediato os trámites para acadar a declaración de Interese Turístico Nacional, unha vez cumprido o prazo preceptivo de 5 anos dende a obtención do recoñecemento a nivel autonómico

Martes, 23 de xuño de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Arde Lvcvs 2015

A 14ª edición do Arde Lvcvs “cumpriu cos obxectivos marcados”, pois concentrou  unhas 600.000 persoas na cidade durante toda a fin de semana e supuxo “unha repercusión económica moi importante para cidade”, que segundo as estimacións do Concello se sitúa nos 6 millóns de euros, “se calculamos un gasto mínimo de 10 euros por persoa”, ademais dunha ocupación hoteleira que oscilou entre o 95 e o 98%. Así o asegurou a concelleira Carme Basadre durante a rolda de prensa que ofreceu na mañá deste martes para facer balance da festa de ambientación histórica que vén de rematar.

Basadre subliñou, en canto á repercusión económica, que o Arde Lvcvs non só inflúe no consumo durante os tres días da celebración, senón tamén dende meses antes, nos comercios, coa compra da indumentaria, e nas perruquerías. Deste xeito, o Arde Lvcvs, engadiu a concelleira, “é un motor imprescindible nestes momentos para axudar ao desenvolvemento da nosa cidade e para que cada vez se nos coñeza máis e que máis persoas nos visiten”.

En canto á ocupación hoteleira, a edil afirmou que o Concello aloxou visitantes no albergue Lugo, que estivo ao completo, e na Casa dos Deportes, cun 80% de ocupación, ademais de reservar 1.000 aloxamentos en establecementos hoteleiros.

Máis de 30.000 persoas pasaron polo posto instalado polo Concello na Praza Maior, “que non só recolleron o programa de actividades, senón tamén planos para coñecer a cidade”.

Agradecementos

Carmen Basadre mostrou o seu agradecemento ás asociacións participantes na festa, que desenvolven “un traballo exemplar, e durante todo ano para que nestes días poidan lucir cada ano mellor, aos veciños pola súa implicación, aos colexios, ANPAs e profesorado, ás persoas que nos visitan, ás asociacións doutras festas de recreación histórica que contribúen á participación e ao desenvolvemento da nosa festa, ás perruquerías que participaron, ás matronas, e ás empresas colaboradoras que aportan diñeiro e as que ofrecen descontos nas viaxes para que xente doutros lugares poidan gozar do Arde Lvcvs”. Entre esas empresas están Arriva, que fletou autobuses con 2.500 pasaxeiros dende a Coruña, e Alsa, con 1.600 pasaxeiros de distintos puntos de España, o dobre que o ano pasado.

A concelleira tamén recoñeceu o “excelente labor” da Policía Local, Autonómica e Nacional, Protección Civil, Bombeiros e servizos municipais eléctricos e de augas.

Orzamento

En canto ao orzamento desta 14ª edición do Arde Lvcvs, sinalou que estivo preto dos 280.000 euros. Basadre detallou que 172.000 euros son do Orzamento municipal; 50.000 de patrocinios; 26.855 das taxas e canons polo mercado; e 27.294, das taxas e canons polos restaurantes.

Carmen Badre asegurou ademais que o Arde Lvcvs e unha festa viva e en constante renovación: “cada ano introducimos novidades, porque o temos que facer, e, de feito a apreciación de xente de fóra fixo deste ano un ano distinto e incluso mellor que en edicións anteriores”.

Como festa cultural e lúdica, ten actividades de ambientación e recreación histórica e outras puramente lúdicas, engadiu a concelleira, recalcando “que cada ano aprendemos cousas novas e queremos seguir mellorando”.

Interese Turístico Nacional

A edil confirmou por outra banda que o Concello retomará de inmediato as xestións para solicitar a Declaración de Interese Turístico Nacional para o Arde Lvcvs, uns trámites que xa comezaran neste ano, pero que houbo que aplazar ata cumprir os 5 anos do recoñecemento a nivel galego. Basadre prevé que entre finais deste ano e primeiros do que vén se poida remitir toda a documentación para acadar o distintivo.

Audio

  • Carmen Basadre sobre o balance do Arde Lucus  | Descargar mp3

Noticias relacionadas